Membros do Equipo de Goberno de Monforte visitan a carpa de reciclaxe de aceite usado
A tenente de alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Tomé, visitaron a carpa da campaña informativa sobre a reciclaxe de aceite de cociña usado que o Concello situou tanto na Praza de Abastos como na rúa Cardenal ou na zona do novo parque do Barrio do Hospital.
Esta campaña medioambiental posta en marcha polo Equipo de Goberno do Concello está encamiñada a proporcionar información sobre a recollida e reciclaxe aceite de cociña usado, e dirixida a todos os monfortinos e monfortinas.
Baixo o lema Reciclando aceite evitas que se contamine a auga, o obxectivo é informar sobre a necesidade de reciclar axeitadamente o aceite de cociña usado, a través dos contedores que o Concello ten situado en distintos puntos da cidade, sendo o fin último aumentar o volume de aceite recollido.
No marco desta campaña informativa, ademais das charlas celebradas en centros educativos de Monforte, hoxe mércores 16 terá lugar unha charla informativa na Casa da Cultura, ás 6 da tarde e dirixida a toda a cidadanía. Nela, farase un reparto de información directa ó cidadán, a través de panfletos e tamén se obsequiará os participantes nas diferentes actividades cun funil promocional.
Colocación de 6 novos colectores de aceite usado
Mañá xoves 17 de novembro, está previsto que o Concello instale 6 novos contedores urbanos para a recollida de aceite usado, que se engaden ós 14 xa existentes en distintos puntos da cidade.
Os novos contedores están instalados nas rúas Ramón Otero Pedrayo, Celso Emilio Fereiro, Reboredo, Cobas, Corredoira e Chantada.
Estes 6 novos colectores, engádense ós 14 xa existentes, localizados na rúa Roberto Baamonde nº 110, rúa Leopoldo Calvo Sotelo nº 65, Barrio da Pínguela xunto á illa de reciclaxe, en rúa Chantada nº 123, en rúa Corredoira na entrada do Hospital, en rúa Escultor Francisco Moure nº 26, en rúa San Pedro nº 41 entrada Instituto Río Cabe, Avenida de Galicia entrada aparcamento de Familia, rúa Ourense esquina rúa Teceláns, rúa Malvaron con rúa Benito Vicetto, Praza de Carude, rúa A Coruña fronte a gasolineira, praza Doutor Goyanes con rúa Hortas e rúa Morín fronte á rúa López Suárez.
O Concello de Monforte leva recollendo aceite usado 15 anos seguidos, dende 2007.