Medio Rural convoca axudas ao sector apícola dotadas con de máis de 1,4 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia publicou este venres unha nova convocatoria de axudas á apicultura dotadas cun orzamento de máis de 1,4 millóns de euros. O prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro 2 de marzo e as achegas teñen como obxectivo financiar as actividades realizadas entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026.
Así o puxo de manifesto a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nunha visita Puramel Sacra, no concello do Saviñao, onde estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
Con estas axudas, salientou a conselleira, apoiarase aos apicultores en cuestións como servizos de carácter técnico, investimentos en activos materiais e inmateriais, entre os que se inclúe a loita contra invasores como a vespa velutina ou enfermidades como a varroose, actuacións de análise que permitan incrementar o número de abellas ou a súa produción, así como a promoción, comunicación e comercialización dos produtos e as actividades que permitan incrementar a súa calidade.
Dende o ano 2013, o Goberno galego investiu máis de 10 millóns de euros nestas axudas á apicultura, triplicando o número de beneficiarios nun sector no que cada vez máis persoas, especialmente mozos, se animan a emprender.
Puramel Sacra foi un dos produtores apícolas galegos premiados recentemente nos Paris Honey Awards, un recoñecemento que amosa, segundo resaltou a conselleira, o bo facer dos apicultores con producións de excelente calidade. Neste senso, o mel desta empresa lucense está amparado polos selos da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e por Artesanía Alimentaria.