Matemáticas Socioafectivas

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
O pupitre é a sección do mestre Julio Díaz no que trata os temas de actualidade no ámbito educativo cun toque persoal
13 Mar 2024

Por Julio Díaz

Eu que son un apaixonado das “mates” acollín con certo desacougo os resultados do PISA onde se constata unha caída de cinco puntos en Matemáticas no noso país. De inmediato, o Presidente do Goberno amosou un plan de reforzo en Matemáticas e Comprensión Lectora tras eses desastrosos resultados. Vexo ben que o noso Goberno relacione as dúas cousas, xa que ambas as dúas van da man.

Os meus alumnos sempre me escoitaron dicir que as Matemáticas son a linguaxe da ciencia. Moitas deficiencias dos nosos rapaces/zas co razoamento matemático e a resolución de problemas veñen de que non comprenden o enunciado de ditos problemas, non entenden o que lles preguntamos.

Pero vamos a esa proposta para profes de Pilar Alegría con ese método de matemáticas “socioafectivas”. O 46% dos escolares españois expresaron no cuestionario de PISA que causaban moita tensión os deberes desta materia, mentres que a un 39% provocáballes “indefensión”. É por iso que o Ministerio cre que se debe fomentar o sentido “socioafectivo” desta materia, porque aparte de achegalos ao alumno/a, logrando eliminar esa ansiedade xeral, conseguirase un instrumento eficaz para aplicala na vida cotiá.

As Matemáticas socioafectivas refírense a un tipo de enfoque educativo nesta materia que recoñece a interacción entre as emocións, o entorno social e a aprendizaxe das matemáticas. Dito doutra maneira, en lugar de limitarse a unha mera transmisión de conceptos e procedementos mecánicos, esta proposta busca crear un ambiente de aprendizaxe no que os estudantes se sintan seguros, motivados e capaces de relacionarse coas matemáticas doutra maneira.

Pero a min, o termo Matemáticas socioafectivas gústame máis ben pouco. Na ensinanza das matemáticas hai dous compoñentes: unha cognitiva e outra socioafectiva, que ten moito que ver coa actitude dos alumnos cara as Matemáticas, a súa capacidade para procesalas e en última instancia, de usalas para resolver problemas e reducir a ansiedade matemática que teñen os nosos alumnos.

Eu como docente só tiña unha preocupación que era “enganchar” aos meus alumnos/as e intentaba captar a súa atención e o interese pola materia, intentando facela atractiva, escapando das leccións maxistrais e achegando o entorno máis próximo a eles ás miñas explicacións: falar de proporcionalidade mediante uso de receitas de cociña, cálculo de porcentaxes dun xogador de baloncesto, xogos de secuencias, puzles xeométricos, empregar debuxos e pegatinas,…

As matemáticas son paixón, hai quen pensa que só están nas novas tecnoloxías, na IA e nos algoritmos; eu penso que a parte humana é fundamental. As matemáticas non poden ser o óso das aulas. Son a linguaxe da ciencia e da natureza. Son obxectividade e precisión. Se mostramos as matemáticas como unha repetición de actividades monótonas, nunca chegaremos ao noso alumnado.

0.21698880195618