Mariano Nieves presentou a súa candidatura co PSOE para as vindeiras eleccións en Chantada
A candidatura do PSOE de Chantada á Alcaldía do municipio nas vindeiras eleccións, encabezada por Mariano López Nieves, foi presentada nun encontro celebrado no Casino da vila.
Neste acto, estivo acompañado de todos os membros da lista electoral, así como dos concelleiros e concelleiras saíntes, pero tamén do secretario xeral dos PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Secretaria de Organización provincial, Pilar García Porto, e o Secretario Xeral de UU.AA., Roberto García, entre outros responsables orgánicos e cargos institucionais do partido no concello e na comarca participaron no acto.
José Tomé subliñou que a candidatura de Mariano López “dará un novo impulso para conseguir a Alcaldía e mellorar o futuro de Chantada. Un impulso froito do gran traballo que nestes últimos oito anos fixo a compañeira Raquel López, que acadou uns excelentes resultados electorais”.
O líder socialista subliñou que o alcaldable “reúne todos os valores necesarios para ser un bo alcalde. Ten o máximo compromiso con Chantada, coa súa xente, coñece perfectamente as súas necesidades e tamén as súas oportunidades”. Ademais, engadiu, “conta con experiencia recoñecida, moita sensatez e, o máis importante, ten moitas ganas de seguir traballando polos veciños e veciñas de Chantada, agora dende a Alcaldía”.
López Nieves agradeceu o traballo de todos os concelleiros socialistas saíntes: “fixeron un traballo extraordinario ao longo deste tempo. Cónstame que en moitas ocasións foron o único altofalante das queixas e denuncias da veciñanza de Chantada, converténdose nun auténtico referente en toda a comarca”.
“Saímos gañar para volver a acadar a Alcaldía. Sei que non é un camiño doado, pero traballaremos e empuxaremos dende cada parroquia e dende cada recuncho do noso concello para sacar adiante este proxecto progresista, tan necesario para Chantada”, destacou o candidato socialista, que sitúa como unha das súas prioridades poñer enriba da mesa solucións “para que ningunha empresa ou traballadores do sector produtivo marchen do noso concello, e tamén reverter a pirámide poboacional con políticas activas de natalidade”, como xa fan outros concellos.