Margarita López deixa a concellería de Igualdade de Monforte por motivos persoais

RibeiraSacraXa
López agradeceu a confianza depositada polo alcalde, José Tomé, durante os seus anos no Goberno municipal
margarita-lopez
Margarita López
24 Feb 2026

A concelleira de Muller e Igualdade no Concello de Monforte, Margarita López, renuncia ao seu cargo e será substituída polo número 11 das listas, Miguel Tomé, fillo do alcalde, José Tomé Roca.

López quixo agradecer directamente ao alcalde por lle dar “a oportunidade de asumir esta responsabilidade” e asegura que se marcha “coa tranquilidade de telo intentado con honestidade e compromiso”. Ademais, tamén tivo palabras de agradecemento para as súas compañeiras e compañeiros da corporación municipal.

“Se algo me levo desta etapa é a certeza de que a igualdade non se defende desde un despacho, senón desde o compromiso real coa vida dos nosos veciños e veciñas, desde a empatía convertida en política pública”, sinala na súa despedida.

“Marcho sabendo que queda moito por facer, vendo ademais os últimos datos desta pasada semana, pero tamén sabendo que o sementado non se perde. Que cada obradoiro, que cada acompañamento deixaron pegada. A igualdade, cando se traballa con honestidade, non retrocede, transfórmase e segue adiante”, afirmou López, que seguirá vinculada ao Partido Socialista.

Pola súa banda, José Tomé quixo agradecerlle o traballo realizado estes anos e a confianza depositada no equipo de Goberno.

As reaccións entre a oposición non se fixeron esperar. Os nacionalistas valoran a decisión de López como un exemplo de “responsabilidade e valentía”, pero lembran que “a súa decisión prodúcese nun contexto político moi complexo”.

Os populares, pola súa banda, ven “preocupante” que quen deixe o Concello de Monforte sexa a concelleira de Igualdade, pero “aínda é máis preocupante” que sexa o fillo de Tomé quen entre na corporación, maila que a concelleira ten reiterado que a súa renuncia débese a un problema persoal, deixando claro que non vén motiva tras as acusacións por presunto acoso sexual contra o alcalde, que motivaron a súa renuncia á fronte da Deputación de Lugo.

0.071293115615845