Marcos Coll e Adrián Costa actuarán o vindeiro 23 de xullo no CourelSon
O domingo 23 terá lugar na aira do Quintairo de Paderne o concerto de Marcos Coll e Adrián Costa organizado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel no marco do CourelSon 2023, Jazz e Blues na Montaña. A actuación será a partir das 20:30 horas con entrada libre.
Máis de dúas décadas enriba dos escenarios de todo o mundo contemplan a estes dous músicos imprescindibles na escena do blues europeo, ben con esta formación (coñecida internacionalmente como ‘Los Reyes del KO’) ou por separado.
"Non hai ningunha figura actual do Blues que non teña requirido da harmónica de Marcos ou da guitarra e voz de Adrián para acompañalos nalgún dos seus directos. Os mellores festivais, os mellores escenarios e, como non podía ser doutro xeito, tamén o CourelSon tiña que desfrutar destes dous monstros do blues mundial", explican desde a asociación.
Tamén engaden que teñen tocado por separado en todos os recunchos que se poden imaxinar e enchen o aforo de calquera lugar no que toquen, "polo que poucas oportunidades que teñen os afeccionados ao blues de escoitar a estes dous mitos do escenario tocando en parella, e esta vai ser unha delas, coa Devesa de Paderne como espectadora".
Outras actividades
Ademais, ao longo da tarde do domingo desenvolveranse distintas actividades en Paderne. Ás 18.00 horas farase unha ruta micolóxica aberta a todo o público dirixida pola Sociedade Micolóxica Lucus.
Pola súa parte, ás 20.00 horas poderase asistir á inauguración da exposición itinerante sobre ‘Os Padernes’, os músicos que serviron de inspiración para a creación CourelSon. A mostra vainos acompañar o que queda de ano en todas as actividades que desenvolva a asociación, pero o lugar de presentala non podería ser outro que a aldea na que naceron e desenvolveron a meirande parte da súa actividade creativa.