Manzaneda recibirá 100.000 euros da Deputación para obras de abastecemento e estradas

A Deputación de Ourense asignará 100.000 euros ao Concello de Manzaneda dentro dunha modificación de crédito de 6,24 millóns de euros aprobada no último pleno. Esta contía permitirá financiar tres actuacións concretas xa comunicadas polo Concello.
Unha delas será a construción dun novo pozo de barrena en Cimadevila, co obxectivo de mellorar o subministro de auga, especialmente nos períodos de escaseza. Ademais, completarase a pavimentación da estrada de Cimadevila, cuxa primeira fase —entre o cruzamento do depósito de auga e a granxa de Nemesio— xa está adxudicada. Con esta nova achega rematarase o tramo restante ata a estrada xeral.
A terceira actuación consistirá na mellora da vía que une Raigada e O Bao, onde se investirán arredor de 45.000 euros para continuar coa execución de gabias de formigón que reforcen a seguridade e o drenaxe do trazado.