Manzaneda busca imaxes de mulleres locais para crear murais colaborativos sobre o seu papel no rural

O Concello de Manzaneda impulsa unha nova iniciativa artística e participativa baixo o título Pintado en feminidade. O proxecto busca poñer en valor o papel das mulleres na vida rural e na cultura local a través da creación de murais inspirados en imaxes reais.
A primeira fase da iniciativa consiste na recollida de fotografías de mulleres de Manzaneda realizando tarefas tradicionais do campo ou actividades culturais representativas. O Concello fai un chamamento á veciñanza para que colabore achegando estas imaxes, que poden entregarse persoalmente nas oficinas municipais ou enviarse por correo electrónico ao enderezo manzaneda.rural@gmail.com.
Unha vez recibidas as fotografías, porase en marcha un proceso participativo para seleccionar aquelas que servirán de base para a elaboración dos murais, que se pintarán sobre distintos elementos da vila. O obxectivo é visibilizar e recoñecer o traballo e as contribucións das mulleres no contexto rural, dándolles un espazo protagonista tamén no espazo público.
A proposta forma parte dun enfoque comunitario que busca fomentar a memoria colectiva, a igualdade e a participación cidadá a través da arte.