Manzaneda acollerá un ano máis a quedada de familias numerosas de Galicia

RibeiraSacraXa
Un cento de familias reuniranse do 23 ao 25 de maio na Estación de Montaña
Estación de Montaña de Manzaneda
16 May 2025

A Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN) organiza un ano máis a súa xa tradicional “Quedada Familiar” na Estación de Montaña de Manzaneda (Ourense), para conmemorar o Día Internacional da Familia. O evento, que terá lugar do 23 ao 25 de maio, volveu esgotar todas as prazas dispoñibles, reunindo máis dun cento de participantes, entre adultos e nenos.

Durante todo o fin de semana, as familias gozarán dun completo programa de actividades nun contorno natural inigualable, con aloxamento en réxime de pensión completa e con descontos especiais para os socios. O evento combina deporte, natureza, convivencia e fortalecemento dos lazos familiares, con actividades dirixidas por monitores especializados. Escalada, natación, tiro con arco e obradoiros familiares son só algunhas das propostas previstas para estes días de encontro e celebración.

A experiencia convértese nunha oportunidade única para, ademais de educar en valores e compartir vivencias con outras familias con iguais preocupacións, reivindicar o valor das familias con máis fillos e pedir ás administracións que adopten unha visión estrutural e comprometida con elas, entendida non só como unha unidade privada, senón como un piar básico do benestar e da sustentabilidade demográfica e social.

⚙ Configurar cookies
0.16397595405579