Manuel González Guerra, un sexenio de servizo na Oficina Municipal de Turismo de Monforte
Por Carlos Gegúndez.
Elas e eles son a primeira imaxe do destino e moitas veces tamén a súa carta de presentación, os informadores turísticos. No seu sector, teñen un cometido complexo e unha grande responsabilidade, iso sábeo á perfección Manuel González Guerra (Monforte de Lemos, 1994) que acumula máis dun lustro prestando servizo aos turistas que visitan a Oficina de Información Turística de Monforte: “Comecei aquí facendo as prácticas no outono de 2017 e logo de rematar incorporeime a traballar de forma definitiva ata hoxe”.
Graduado en GIAT e con moitas horas detrás do mostrador, Manuel González destaca o incremento no número de visitantes dende os seus inicios, agás durante 2020 por causa da crise da COVID-19. Non obstante, ao ano seguinte produciuse “un pico bastante notable respecto a outros anos, probablemente condicionado tamén polas limitacións para viaxar ao estranxeiro”. Aínda así, a tendencia alcista vense mantendo e moitos visitantes mesmo repiten porque “ao fin e ao cabo a zona é moi ampla e sempre quedan cousas pendentes”, sinala Manuel.
A maior parte dos viaxeiros que chegan á capital da Ribeira Sacra son españois e segundo o noso protagonista: “Os madrileños veñen todo o ano. País Vasco e Asturias son importantes emisores, aínda que no verán Cataluña aparece tamén nos primeiros postos”. Obviamente son moitos os visitantes galegos e entre os estranxeiros “os franceses son quizais os máis numerosos”, afirma González Guerra.
É innegable que o traballo desenvolvido na promoción do destino está a dar os seus froitos, un dos feitos máis comentados entre os turistas e que chamou a súa atención foi segundo González: “a emisión de ‘Volando voy’, o programa de viaxes de Jesús Calleja quen gravou un dos seus episodios na Ribeira Sacra e tamén a lectura de ‘Todo esto te daré’, unha novela de Dolores Redondo gañadora do Planeta en 2016 e ambientada nestas terras”.
Á hora de falar das preferencias dos visitantes o informador turístico precisa que cómpre fixar dous grupos. Aqueles que preguntan pola cidade do Cabe mostran interese “pola visita aos Escolapios, xa que o edificio chama a atención esteticamente e tamén polas propias dimensións, demandan información sobre o casco antigo, o conxunto de San Vicente e o Museo do Ferrocarril e medra o número de interesados en visitar o Centro do Viño”.
Por outro lado, están os que preguntan pola Ribeira Sacra e neste caso é a información relativa ás rutas fluviais a que ocupa o primeiro lugar. Nun ránking a orde sería de máis a menos, “os catamaráns, os miradoiros, os mosteiros e finalmente as adegas”. En xeral, a experiencia resulta moi agradable para os visitantes e segundo Manuel: “A todo o mundo lle deixa bo sabor de boca, os que veñen marchan encantados, ás veces téñenme contado que as estradas que van a carón da Ribeira impoñen un pouco, pero en xeral a sensación é moi boa”. Mais tamén hai algúns aspectos que consideran mellorables, o monfortino ten escoitado disconformidade coas “limitacións horarias dalgúns puntos de interese xa que funcionan con pases guiados, a horas concretas e moita xente non quere estar condicionada por estes horarios”.
Outra queixa está relacionada cos novos tempos e a dificultade das persoas de máis idade para manexar as novas tecnoloxías: “a crecente aparición das reservas online xa que unha parte importante dos turistas que recibimos son maiores, este perfil ten máis presenza do que parece e moitas veces teñen dificultades para acceder a certos monumentos ou servizos”.
Os que coñecen a Manu saben da súa profesionalidade e paciencia, cualidades indispensables, entre moitas outras, para ofrecer unha boa atención ao visitante, a bo seguro que é capaz de disimular cando se presenta algunha anécdota divertida, sabe ben que hai que manter a compostura aínda que non resulte doado, cando lle preguntamos ao respecto retruca: “Teño unha morea de anécdotas, podería escribir un libro” e revela algunhas imperdibles: “Un día veu un matrimonio a Monforte buscando as luces de Nadal de Vigo e querían saber se o Sil tiña praia polos dous lados, noutra ocasión apareceu unha persoa que debía andar desorientada e preguntaba pola hora da baixamar para ir á praia das Catedrais”.
Non erramos se pensamos que ao final e aínda que estes turistas non atoparon o que buscaban gozaron da viaxe, porque o que máis se valora é “a paisaxe en xeral e máis concretamente as viñas, isto permítelles apreciar o significado da viticultura heroica”, conclúe Manuel.