Manuel Durán, fundador da Escola de Música Tradicional Abertal da Rúa, protagonizará o novo faladorio de Quiroga

RibeiraSacraXa
Será este mércores baixo o título “O folclore como sinal de identidade do pobo”
manuel-duran
Manuel Durán
26 May 2025

O vindeiro mércores, 28 de maio, ás 18.00 horas, terá lugar un novo Faladoiro no Centro Social de Quiroga, concretamente na Biblioteca municipal. A sesión, titulada “O folclore como sinal de identidade do pobo”, estará dedicada ao folclore galego como expresión fundamental da identidade do pobo, aproveitando a celebración das Letras Galegas e a súa dedicación este ano á poesía popular oral e ás cantareiras.

O convidado nesta ocasión será Manuel Durán, músico tradicional e fundador da Escola de Música Tradicional Abertal da Rúa, creada hai xa 36 anos. Natural dos Anguieiros, Durán emigrou a Barcelona en 1970 e regresou a Galicia en 1987. Desde entón, ten desenvolvido un intenso traballo de recuperación da música e tradición oral galega, tanto de forma individual como en colaboración con outras persoas e colectivos, entre elas Montse de Leilía, participando en campañas de recollida en diferentes lugares, como a parroquia de Montefurado.

Durante o encontro, o público poderá coñecer a traxectoria vital e profesional de Manuel Durán, así como a importancia do traballo de investigación, recuperación e ensino que desenvolve no eido do folclore. Tamén se reflexionará sobre o estado actual deste patrimonio cultural inmaterial e os retos de futuro para a súa preservación.
Segundo o propio Durán, “ademais do noso idioma, o noso folclore é a parte máis importante da nosa identidade”.

O concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández Montes, será o encargado de moderar o faladoiro, ao que convida a asistir a toda a veciñanza interesada en coñecer mellor e valorar a nosa cultura tradicional.

⚙ Configurar cookies
0.16801381111145