Máis dun millón de luces brillan en Monforte para festexar o Nadal
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acendeu oficialmente este xoves a iluminación de Nadal 2024, acompañado pola primeira Tenente de alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Servizos, José Luís Losada, a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, a Concelleira de Consumo, Regina López, o concelleiro de Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz e a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López.
O acendido oficial tivo lugar na rúa do Cardenal, diante dun cono de 20 metros de alto (aproximadamente 2 metros máis que en 2023) e 6 metros de diámetro a modo de árbore de Nadal co que, en verbas do alcalde “queremos transmitir unha nova esperanza, para que a xente poida facerse fotos no seu interior e para inxectar ilusión e alegría nas persoas que viven ou que visitan Monforte, sobre todo nos nenos e nenas”. Durante o acendido das luces, tivo tamén lugar a actuación do grupo monfortino de batucada Baturruka, que se desprazou dende a árbore da rúa do Cardenal ata a praza de España, onde está situado a Estreala de Nadal de 7 metros de longo e 3 metros de alto, na que tamén, ao igual que a árbore do Cardeal, se poden sacar fotos dende o seu interior.
O Equipo de Goberno investiu no alumeado de Nadal deste ano 57.000 euros sendo a maior inversión en alumeado de Nadal na historia de Monforte, 5.000 euros máis que en 2023.
O Alcalde resalta que “dende o Concello potenciamos o alumeado de Nadal para impulsar o comercio e a hostalería, que son piares básicos da nosa economía. Para elo, alcanzamos o 1,2 millón de luces Led neste Nadal, e incrementamos o número de arcos colocados, que alcanzan os 264 arcos, distribuídos en 66 rúas da cidade”.
Ademais das 66 rúas iluminadas con arcos, tamén estarán adornadas a Torre da Homenaxe, a Praza de España, incluídas as árbores da súa parte superior, o Campo de San Antonio, a Praza de Carude, a Praza dos Chaos, a Praza da Estación, a Praza de Abastos, con dous bonecos na súa entrada, e 7 arcos de “Bo Nadal” que se situarán nas entradas á cidade de Monforte.
Tamén será adornado coa Estrela de Nadal o cedro que se atopa entre a Praza das Casitas e a explanada da Compañía.
O alumeado funcionará ata o luns 6 de xaneiro de 2025, día de Reis. O horario de acendido e apagado das luces, será de 18.30 a 02.00 horas.
“O noso desexo dende o Concello”, subliñou José Tomé, “é que este amplo dispositivo de Nadal, sirva para dinamizar o Nadal en Monforte e animar aos monfortinos e ás persoas que nos visitan, a que saían á rúa, que gocen da cidade e que se animen a mercar no noso comercio e a consumir na nosa hostalería pero o máis importante é, que sexan moi felices nestas festas de Nadal”.