Máis dun cento de nenos e nenas de Quiroga participan nos campamentos de verán do Concello
Comezan os campamentos de verán do Concello de Quiroga con máis dun cento de nenos e nenas inscritos, tanto do municipio como rapaces que están pasando as súas vacacións na vila.
Os participantes foron recibidos na casa da cultura polo alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, a concelleira de Educación e Infancia, Maite Pérez Grao, e os monitores. Despois organizáronse as diferentes clases nas que se distribuíron os nenos e nenas dependendo da súa idade. En total cinco clases repartidas entre as instalacións da Casa da Cultura e o Centro Social.
Os campamentos este ano chegan cargados de novidades. A primeira delas é que os campamentos que se desenvolverán durante os meses de xullo e agosto contan cunha subvención do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia solicitada a través do CIM. Esta subvención permite que ademais dos voluntarios se conte con mozos e mozas contratados aos que se lles esixiu titulación relacionada co traballo que van desenvolver.
Outra das novidades é que os campamentos empezan antes, ás 10.00 horas é a hora de entrada e ás 10.30 horas todos os participantes estean incorporados. A hora de remate seguirá sendo as 14.00 horas nas piscinas municipais. Os campamentos están abertos a todos os nenos, tanto os que viven en Quiroga como aqueles que veñen pasar as vacacións, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.