Máis de medio milleiro de alegacións contra a creación dun parque eólico no Courel
A asociación A Volta Grande do Courel vén de presentar no Concello de Folgoso do Courel preto de 200 alegacións dos veciños e veciñas do municipio e de Quiroga para opoñerse á creación do parque eólico que se proxecta instalar nos montes que comparten O Courel e O Bierzo. Estas alegacións súmanse ás máis de 300 rexistradas pola mesma causa noutros concellos galegos e que, segundo o colectivo, "amosan o amplo rexeitamento popular a esta agresión contra a montaña do Courel e o Bierzo".
O colectivo explica que "a pesares do curto espazo de tempo para poder organizarnos e defendernos, a resposta veciñal é exemplar e anuncia unha oposición masiva diante deste conflito que ameaza con impactar gravemente no patrimonio social, natural, cultural e paisaxístico do Courel".
A previsión da firma noruega Statkraft é instalar 22 muíños de vento de preto de 200 metros de altura no concello leonés de Barxas, xusto no límite de Rede Natura, que terían ademais unha rede de evacuación de enerxía de 50 quilómetros.
A Volta Grande do Courel entende que a creación deste parque eólico "afectará á economía local, trastornará a vida da poboación e afectará a paisaxe e a fauna e flora local". Por iso, dende a páxina de facebook Courel Livre de Eólicos está a dinamizar, xunto a outros colectivos, unha campaña de protesta contra a instalación destes muíños.
"Coa complicidade dos responsables políticos, tratan de vendernos que os megaproxectos eólicos son a solución á crise climática e unha oportunidade para o desenvolvemento das zonas rurais da montaña. Os intereses empresariais das corporacións non poden estar por riba da protección dos recursos ambientais e patrimoniais da zona, nin dos dereitos a vivir dignamente aquí", insisten.