Máis de 80 palistas participaron esta fin de semana na 3ª Copa Liga Galega Promoción Slalom – Trofeo Concello de Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, presidiu este domingo no paseo do Malecón o acto de entrega de medallas e premios da 3ª Copa Liga Galega Promoción Slalom – Trofeo Concello de Monforte.
A competición, desenvolvida nas augas do río Cabe, reuniu a un total de 85 palistas procedentes de diferentes puntos de Galicia, como Dumbría, Mondariz, Salvaterra, Tomiño e a propia cidade de Monforte de Lemos.
As probas disputáronse nas categorías masculina e feminina de Infantil C1, Alevín C1, Infantil K1, Alevín K1, Benxamín K1 e Prebenxamín K1.
Na clasificación por equipos, o primeiro posto foi para o Club Teixugos de Tomiño, con 247 puntos. O segundo lugar ocupouno o Club Quixós de Monforte, con 178 puntos, mentres que o Club Piragüismo Penedo-Teimporta quedou terceiro, con 127 puntos.
Cómpre destacar que tres palistas do Quixós, organizador do evento, foron convocados pola Federación Galega de Piragüismo para formar parte das seleccións autonómicas infantil e cadete, que competirán no Campionato de España de Xóvenes Promesas, os días 23 e 24 de agosto na localidade catalá de Ponts.
Esta convocatoria consolida ao club monfortino como un dos referentes da modalidade en Galicia, destacando polo seu labor formativo e pola súa capacidade para achegar talento ás competicións autonómicas e nacionais.
O alcalde felicitou tanto ao Club Quixós como ao conxunto de deportistas polo esforzo e dedicación que amosan cada día: “Froito do sacrificio, da perseveranza e do traballo que realizan, Monforte continúa a ter presenza nas principais competicións de piragüismo do país”.
A actividade foi organizada polo Club Quixós de piragüismo, contando co apoio do Concello de Monforte e da Deputación de Lugo.