Máis de 80 estudantes de Lugo e Ourense participaron en Monforte na clausura da fase galega da XVII Olimpíada de Xeoloxía

A Casa da Cultura de Monforte acolleu este mércores a clausura da XVII Olimpíada de Xeoloxía, unha cita educativa que reuniu na cidade a 84 estudantes de 4º da ESO e Bacharelato procedentes de 11 centros das provincias de Lugo e Ourense. Monforte foi unha das catro sedes galegas desta fase autonómica, que se celebrou de xeito simultáneo tamén no Xeoparque do Cabo Ortegal, en Santiago e en Vigo.
Os estudantes con mellores resultados en cada sede obtiveron o pase á fase estatal da Olimpíada de Xeoloxía, que se celebrará o vindeiro 21 de marzo en Vigo. No caso de Monforte, o mellor equipo foi o formado por Laura López Núñez, Lucía Álvarez González, Adrián Rodríguez Ruiz e Gabriel Guede Gómez, do IES Xesús Taboada Chivite de Verín. A nivel individual, o primeiro posto foi para Gabriel Guede Gómez, seguido de Lúa Muíño Rega, do IES Xoán Montes de Lugo, e Ariana Rodríguez Rivera, do IES Universidade Laboral de Ourense, mentres que o accésit de 4º da ESO recaeu en Marcos Ferreiro Fírivida, do IES Castro de Baronceli de Verín.
Durante o acto de clausura e entrega de premios, a tenente de alcalde, Gloria Prada, felicitou a todos os participantes e amosou a súa satisfacción por acoller en Monforte unha iniciativa deste tipo. “Iniciativas como esta son sempre enriquecedoras”, sinalou, agradecendo á Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra e á súa representante na Olimpíada, Belén Pérez, a elección de Monforte como sede, así como a implicación do profesorado e, de xeito especial, do IES Río Cabe e da docente María Padrón.