Máis de 700.000 euros destinaranse para rehabilitar vivendas, edificios e zonas comúns de Quiroga
Edificios, vivendas e zonas comúns da zona de Pacios de Mondelo de Quiroga serán rehabilitadas grazas a unha nova partida económica de 715.000 euros destinada á Área de Rehabilitación Integral do Concello de Quiroga (ARI).
O alcalde quirogués, Julio Álvarez, que cualificou esta axuda como “unha boa nova a pesar dos límites da lexislatura, que favorece a Quiroga”, terá que desprazarse en breve para asinar este convenio coa Xunta e co Ministerio de Fomento. Pero mentres xa agradeceu este apoio importante das administracións públicas, a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado.
Esta nova partida do ARI terá unha parte específica para a eliminación do amianto (uralitas) e para enerxías alternativas, e unirase á aínda existente, posto que non se esgotaron as axudas anteriores na parte específica dedicada aos espazos públicos.
Con esta nova axuda que tramitarán os dous arquitectos superiores da Oficina de Rehabilitación, situada no antigo cárcere; contribúese, en palabras do rexedor local, a “poñer bonita Quiroga, algo que se fai con diñeiro”, matizou.