A Deputación inicia mañá as rutas en catamarán polos ríos Miño e Sil na Ribeira Sacra. A actividade prevé manterse ata finais de ano.
A nova temporada das rutas en catamaráns pola Ribeira Sacra que pón en marcha a Deputación arranca este venres 19, día de San Xosé. Máis de 500 persoas fixeron xa as súas reservas para participar nesta actividade que se prevé manter ata finais de ano.
Desde o organismo provincial anunciaron que, con ese motivo, mañá farán un acto no embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte, "para celebrar que este ano podemos comezar antes con esta iniciativa turística que, sen ningunha dúbida, ten un importante retorno económico no sector servizos da Ribeira Sacra".
A día de hoxe, hai formalizadas máis de 500 reservas para as rutas en catamarán polos leitos do Miño e do Sil. As persoas interesadas poden facer as súas reservas a través da web reservas.rutasembalses.es, do enderezo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou chamando ao teléfono 982 260 196, de luns a venres, entre as 09:00 e as 14:30 horas.
“Queremos animar aos veciños e veciñas da provincia a que se decidan a gozar destas viaxes en catamarán pola Ribeira Sacra, unha alternativa de ocio segura, na que temos implantadas todas as medidas de seguridade para a prevención da covid, e coa que poderán descubrir ou redescubrir unha paisaxe única, que aspira a ser declarada Patrimonio da Humanidade no vindeiro mes de xuño”, dixo a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.
O servizo de catamarán, lembran desde a Deputación, funcionará adaptándose ás medidas establecidas polas autoridades sanitarias en cada momento e seguindo protocolos propios da institución "para extremar a prevención e a contención da covid-19". Ao igual que a temporada pasada, o aforo das embarcacións verase reducido á metade e a frecuencia das viaxes está adaptada para evitar que nos embarcadoiros se produzan concentracións de persoas. Será obrigatorio o uso de máscara durante toda a viaxe e realizaranse servizos de desinfección para previr posibles contaxios.
En canto ás prazas, no caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas 107 no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 72 viaxeiros.