Máis de 5 millóns de euros dedicaranse para construír a nova área recreativa e praia fluvial de Monforte

RibeiraSacraXa
"Trátase dunha dotación complexa e completa que vai facer realidade unha aspiración de todos os monfortinos e que ata o de agora ninguén acometera”, sostivo o rexedor monfortino.
goberno local Monforte
17 sep 2023

"Trátase dunha dotación complexa e completa que vai facer realidade unha aspiración de todos os monfortinos e que ata o de agora ninguén acometera”, sostivo o rexedor monfortino.

O equipo de goberno de Monforte deu a coñecer a localización da Área recreativa e Praia fluvial de Monforte, que segundo o alcalde, José Tomé, "van ser únicas en Galicia, dado que neste momento non hai ningunha semellante, nin o que se refire ás dimensións, nin aos servizos que van poder disfrutar os cidadáns”.

Así, a localización desta infraestrutura será na parroquia de Ribasaltas, na zona coñecida como A Lama, na marxe dereita do río Cabe. Concretamente, nos terreos delimitados pola estrada de Monforte a Lugo, pola Pista do Canal de regadío, por un camiño público que a separará das fincas particulares e polo río Cabe.

O rexedor explicou que, “despois de analizar moitas posibles ubicacións, chegamos á conclusión de que este é o sitio axeitado, debido á configuración do río Cabe, á amplitude de espazos, ás boas comunicacións, á regularidade do solo, á proximidade dos servizos, á área recreativa xa existente, á posibilidade de aproveitar parte das árbores xa existentes para sombra, á amplitude para estacionamento, á posibilidade de construír paseos de máis de 2 km, a que ao situarse antes do seu paso pola cidade, non hai vertidos ó río e, finalmente, a que a presa desmontable que é necesario construír sitúase nunha zona de fácil acceso para o seu manexo”.

O conxunto desta dotación pública terá unha superficie total de máis de 116.000 metros cadrados, é dicir, 11'6 hectáreas e o custo estimado para acometer este proxecto, que pode variar cando se redacte o proxecto construtivo, ascende a 5.023.818,08 euros, “o que dá unha boa mostra da importancia da actuación que se vai acometer”, subliñou o rexedor monfortino.

Nesta superficie de 11,6 hectáreas, o proxecto inclúe zonas diferenciadas de descanso e lecer, con características diversas e polivalentes, para poder abarcar os gustos variados dos visitantes e usuarios.

"Trátase dunha dotación complexa e completa que vai facer realidade unha aspiración de todos os monfortinos e que ata o de agora ninguén acometera”, sostivo o rexedor monfortino.

José Tomé tamén anunciou que “proximamente será licitado a redacción do Plan Especial, que aprobará en breve a Xunta de Goberno, na que se aprobarán as bases técnicas e administrativas que van rexer o concurso”.

Este proxecto require de dous permisos, un da Confederación Hidrográfica e outro da Xunta de Galicia, polo que o rexedor monfortino matizou que “si o resto de administracións que teñen que dar os permisos colaboran, a idea do Equipo de Goberno é que estea rematada neste mandato. Por nós non vai quedar”.

O alcalde concluíu salientando que “dende o Concello queremos facer realidade unha aspiración de todos os monfortinos e monfortinas e que ata de agora ninguén había acometido, foron moitos os que falaron dela, pero ninguén fixo nada”.

O PROXECTO DE ÁREA RECREATIVA E PRAIA FLUVIAL DE MONFORTE

En primeiro lugar, construirase un azud desmontable co fin de elevar a cota da lámina de auga do río para facilitar o baño. Así, proxectarase a construción dunha presa desmontable de aceiro sobre base de formigón con unha altura aproximada sobre a cimentación de 1,20 metros. Este Azud estará en servicio dende a primavera ata outono e retirarase na época de choivas para evitar posibles inundacións, aínda que o espazo público estará aberto todo o ano para uso e disfrute dos veciños e veciñas de Monforte.

Por outra banda, construirase unha praia fluvial cunha superficie de área que supera os 14.000 metros cadrados e as 1,4 hectáreas, que terá unha fachada ao río de 280 metros de largo e un ancho aproximado de 50 metros. Terá varios accesos á zona de baño para poder entrar e saír da auga e unha zona verde con céspede e pradeira. Ademais, dividirase en dúas zonas, unha mais axardinada con céspede, pegada á zona de area da praia fluvial, e outra zona con pradeira mais distanciada para zona de paseo e descanso., nas que se conservarán as árbores e plantaranse outras novas. A primeira zona, a axardinada con céspede, contará cunha instalación de rego automático nunha superficie aproximada de 20.000 metros cadrados e 2 hectáreas, e a zona de pradeira terá unha superficie de preto de 48.000 metros cadrados, preto de 4,8 hectáreas. Deste xeito, as persoas poderán optar por recostarse sobre zona de area ou de herba.

Con respecto aos accesos e aparcamento para vehículos, construirase un estacionamento para vehículos con capacidade para 366 automóbiles, ademais de prazas adaptadas para persoas con discapacidade, prazas para motocicletas, bicicletas e autobuses, que en total superarán as 400 prazas. Esta zona será pavimentada con aglomerado asfáltico en quente sobre unha sub-base de zahorra compactada. En todo o seu ámbito plantaranse árbores de crecemento rápido para dar sombra á zona do aparcamento. Contará tamén coas correspondentes instalacións de recollida de augas pluviais. A zona de estacionamento terá unha superficie de 19.000 metros cadrados, preto de 2 hectáreas.

Por outra banda, en todo o ámbito de actuación da área recreativa construiranse paseos peonís que recorren o perímetro da mesma, cruzando tamén polo centro. Son paseos de 3 metros de anchura que teñen unha lonxitude de 2.360 metros lineais e unha superficie de algo mais de 8.800 metros cadrados , preto dunha hectárea de paseo. Estes paseos contarán con iluminación mediante puntos de luz de tecnoloxía LED situados cada 30 metros.

Tamén haberá un parque infantil pegado ao paseo peatonal e xunto á zona de estacionamento. Será un parque infantil semellante ao que hai na Compañía ou no Hospital que terá unha superficie de 1.200 metros cadrados e no que se situarán diversos aparatos para xogos de nenos de distintas idades e con pavimento de caucho, tal e como establece a normativa vixente.

Por outro lado, haberá unha edificación dedicada a o uso hostaleiro e aos aseos públicos, que terá lugar en planta baixa e cunha superficie aproximada de 825 metros cadrados. Estará situada aproximadamente no centro da zona de actuación entre a zona de baño e a zona de estacionamento e ao lado do parque infantil. Nesta edificación situarase unha cafetería-restaurante ademais de zonas de almacén e aseos para o público en xeral. Ademais, haberá outra edificación para almacén e nela situaranse os vehículos e ferramentas necesarios para o mantemento da zona, así como os produtos de limpeza ou abonos que sexan necesarios e terá unha superficie aproximada de 150 metros cadrados construídos.

A zona de actuación contará en todo o seu perímetro cun peche de malla electro soldada plastificada de 2 metros de alto sobre postes de aceiro, excepto no linde co Río Cabe e para manter as boas comunicacións na zona onde se localice a área recreativa, habilitarase un camiño publico con bo firme que sirva de aceso ás fincas colindantes e que delimitará a Área Recreativa pola zona oeste.

No plan especial e, posteriormente, no proxecto construtivo que se elabore, contarase cos servizos necesarios de electricidade, abastecemento, saneamento e telecomunicacións. Estas instalacións conectaranse ás redes xerais existentes establecendo sistemas de bombeo si fose preciso.

Por último, en todo o ámbito de actuación colocaranse diversos elementos de mobiliario urbano, bancos, papeleiras ou fontes, para uso dos usuarios das instalaciónse crearase un punto de produción de enerxía eléctrica mediante paneis solares fotovoltaicos que se conectarán á rede do complexo e proporcionarán unha boa parte da enerxía eléctrica que se consuma.

Plano Praia Fluvial e Área Recreativa de Monforte
0.15380716323853