Máis de 400 deportistas déronse cita no encoro de Taboada no Campionato Galego de piragüismo

RibeiraSacraXa
Na clasificación por equipos da categoría cadete masculina, o triunfo foi para o Club Cofradía Pescadores Portonovo e na feminina para o Club de Mar Ría de Aldán-Gandón
campionato-piragüismo-taboada
6 Apr 2026

O encoro de Taboada acolleu o Campionato Galego Xunta de Galicia de K1 e C1, unha competición que reuniu a máis de 400 deportistas de toda a comunidade e que se disputou sobre 5.000 metros na categoría cadete e 3.000 na infantil.

Por equipos, o Club Cofradía Pescadores Portonovo impúxose na categoría cadete masculina con 514 puntos, seguido do Club de Mar Ría de Aldán-Gandón con 371 e do Club Escola Piragüismo Poio-Conservas Pescamar con 306. En cadete feminina, o triunfo foi para o Club de Mar Ría de Aldán-Gandón, que liderou a clasificación con 442 puntos, por diante do Club Náutico de Cobres (366) e do Club Ría de Betanzos (343).

Nas categorías infantís, o Club Fluvial de Lugo dominou en categoría masculina con 563 puntos, seguido do Club de Mar Ría de Aldán-Gandón (438) e do Club Cofradía Pescadores Portonovo (339). En feminino, o primeiro posto foi para o Club Náutico Pontecesures con 819 puntos, acompañado no podio polo Club As Torres-Romería Vikinga (252) e polo Club Fluvial de Lugo (248).

No plano individual, na final masculina cadete A de K1, o triunfo foi para Pablo Contiñas, do Club Cofradía Pescadores Portonovo, cun tempo de 22:54.31, seguido de Henrique Álvarez e Cibrán Dacosta, ambos do Club de Mar Ría de Aldán. Na categoría cadete B masculina, o ouro foi para Santiago Alonzo Guerra, tamén do Club Cofradía Pescadores Portonovo, por diante de Gael Sánchez e Tiziano Nieves, do Club Kayak Tudense.

En cadete feminina A de K1, Carla Corrales, do Club Náutico de Cobres, acadou a vitoria con 24:06.68, mentres que na B o triunfo foi para Lara Abuín, do Club Fluvial de Lugo, cun rexistro de 25:19.00.

Nas probas de canoa cadete, en categoría masculina A, Pablo Cid, do Club Ría de Betanzos, impúxose con 26:17.57, seguido de Daniel Rodríguez e Pedro Fernández. Na B, o primeiro posto foi para Pablo Castiñeiras, do Club As Torres-Romería Vikinga, mentres que en feminina A a gañadora foi Vera Alonso, do Club de Mar Ría de Aldán. Na B, o ouro foi para Mara Ludeña, do Club Kayak Tudense.

Tamén se disputaron probas de paracanoe, con vitoria para Elena Justo, do Club de Piragüismo Altruán de Ribadeo, en categoría feminina, e para Gabriel Iglesias, do Club de Piragüismo Olívico, en masculina.

Xa nas categorías infantís, en K1 masculina B, o triunfo foi para Mateo Pérez, do Club Piragüismo Verducido-Pontillón, mentres que en feminina se impuxo Isabella Rodríguez, de Piragüismo Ourense. En infantil A, as vitorias foron para Julio Ballinas e Aitana Casal, ambos do Club Piragüismo Verducido-Pontillón.

En canto ás probas de canoa infantil, destacaron os triunfos de Valdo Curra, do Club de Mar Ría de Aldán, en categoría masculina B, e de Narah Cancela, do Club Náutico Pontecesures, en feminina. Na categoría A, os primeiros postos foron para Lucas Caride, tamén do Club de Mar Ría de Aldán, e para Sabela Turnes, da Escola Piragüismo Cidade de Pontevedra.

0.11743211746216