Máis de 4 millóns de euros para promocionar a elaboración de viño
A Consellería do Medio Rural destina máis de 6,13 millóns de euros en axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas e para a promoción de viños en terceiros países no ano 2023. Deste xeito, búscase seguir potenciando un dos sectores máis estratéxicos da economía galega.
No que atinxe ás achegas para apoiar a promoción do viño galego en mercados de terceiros países -é dicir, fóra da Unión Europea-, dotadas dun importe de 1,7 millóns de euros, as accións e actividades de promoción que se poden desenvolver son todas aquelas nas que se dean a coñecer as características dos viños con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, así como os viños varietais.
Entre as accións promocionais destacan campañas publicitarias, misións comerciais, promocións en puntos de venda, catas, feiras, presentacións de produto, xornadas, seminarios, degustacións, etc.
Doutra banda, as achegas para os investimentos en elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, conta cun orzamento total de 4.432.119 euros, a executar entre este ano e o 2024.
Estas axudas teñen como finalidade mellorar o rendemento global das empresas do sector vitivinícola e a súa adaptación ás demandas do mercado, así como aumentar a súa competitividade. O prazo para solicitar estas axudas remata o vindeiro 31 de xaneiro.