Máis de 35.000 persoas participaron das rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra ata o momento

RibeiraSacraXa
Este ano as rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra están rexistrando uns "moi bos datos" segundo a voceira socialista da Deputación de Lugo e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.
Ruta en catamarán da Ribeira Sacra
20 Ago 2023

Este ano as rutas fluviais en catamarán pola Ribeira Sacra están rexistrando uns "moi bos datos" segundo a voceira socialista da Deputación de Lugo e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.

Esta iniciativa, unha oferta de ocio que ofrece a institución provincial dende o 1 de abril e que se alargará ata a ponte de decembro, acolleu preto de 22.000 persoas no que vai de tempada de verán, dende o 15 de xullo ata a segunda semana de agosto. Ademais, desas 22.000, 18.000 fixérono no último mes e medio, entre o 1 de xullo e o 15 de agosto.

Desta forma, dende o inicio da tempada, a cifra total de viaxeiros supera os 35.000, aos que hai que engadir as 10.300 prazas que están reservadas ata final de ano, cando rematarán as viaxes deste 2023.

“Tendo en conta estes datos, e tendo en conta tamén que nos meses de setembro e outubro este servizo é moi demandado, pois é cando se fai a vendima e as paisaxes da Ribeira Sacra se volven aínda máis vistosas, prevemos que as visitas desta tempada acabarán superando ás do pasado ano”, explicou a voceira.

Viaxes en grupo

Así mesmo, analizou unha tendencia que se vén dando neste servizo provincial nos últimos anos cun aumento de viaxes en grupo, con máis de 180 no que vai de ano, e de viaxeiros nacionais. García Porto tamén destacou “un aumento nos viaxeiros internacionais, con presencia de persoas de Sudáfrica, Estados Unidos, Canadá ou Estonia, onde temos contabilizados polo menos 40 viaxeiros”.

“É unha satisfacción que este servizo se vaia consolidando ano tras ano como un reclamo turístico de primeiro nivel para a Ribeira Sacra porque xera un retorno económico moi importante na zona e porque favorece o modelo turístico polo que traballamos”, subliñou Pilar García Porto, recordando que a Deputación aposta por un turismo sostible, de calidade e experiencias, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio, “o que resulta determinante para fixar poboación no rural da provincia de Lugo”.

0.091922998428345