Máis de 200 persoas concentráronse en Monforte en solidariedade coa Marcha a Gaza

RibeiraSacraXa
A mobilización en Monforte formou parte dunha acción coordinada que tivo lugar de maneira simultánea en máis de 36 localidades de todo o país
marcha-a-gaza-monforte-palestina-mar-de-lumes
Concentración por Palestina en Monforte
17 Jun 2025

Máis de 200 persoas participaron este luns na Praza de España de Monforte nunha concentración convocada pola organización Mar de Lumes para denunciar o xenocidio do pobo palestino e amosar o seu apoio e solidariedade coa Marcha a Gaza.

A mobilización en Monforte formou parte dunha acción coordinada que tivo lugar de maneira simultánea en máis de 36 localidades de todo o país. Deste xeito, Galicia sumouse á chamada internacional para romper o bloqueo israelí ao paso de Rafah e permitir a entrada de axuda humanitaria ás persoas atrapadas na Franxa de Gaza.

Durante o acto, as persoas participantes fixeron lectura de comunicados, portaron pancartas en defensa dos dereitos humanos e gardaron momentos de silencio en lembranza das vítimas. A concentración foi tamén unha mostra clara do compromiso do pobo galego coa causa palestina e da denuncia firme contra a política de exterminio e ocupación por parte do Estado de Israel.

Desde Mar de Lumes destacaron a importancia de continuar mobilizadas e organizadas “ante unha situación que vulnera de xeito flagrante o dereito internacional e a dignidade humana”.

⚙ Configurar cookies
0.18933296203613