Máis de 200 mozos danse cita este sábado en Taboada na Regata da Liga Galega Infantil de K1 e C1

O encoro de Taboada será este sábado, 17 de maio, o escenario dunha nova xornada da Liga Galega Infantil de piragüismo nas modalidades de K1 e C1 sobre unha distancia de 3.000 metros. Trátase dunha das probas máis destacadas do calendario autonómico para as categorías de base.
A competición reunirá a 246 deportistas de 34 clubs de toda Galicia. A actividade comezará ás 11:00 horas coa proba de K1 Infantil B Feminina e rematará ás 13:32 horas coa carreira de Paracanoe K1 Infantil A Masculina, que poñerá o punto final a unha intensa mañá de deporte.
Entre os clubs con maior representación destacan a Confraría de Pescadores de Portonovo, con 16 participantes; o Kayak Tudense, que despraza a 15 palistas; e tanto o Náutico Pontecesures como o Ría de Betanzos, con 13 deportistas cada un. Tamén contarán cunha presenza destacada o Club Náutico Firrete e o Verducido-Pontillón, ambos con 11 inscritos.
O programa desenvolverase con saídas aproximadamente cada media hora e incluirá todas as categorías Infantil A e B, tanto masculinas como femininas, incluíndo tamén probas de Paracanoe. Todas as regatas disputaranse sobre unha distancia de 3.000 metros.