Máis de 200 familias de Monforte beneficiaranse este curso das axudas para libros e material escolar

A Xunta de Goberno do Concello de Monforte aprobou este luns, 15 de setembro, a concesión de 229 axudas a familias do municipio para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso 2025/2026. O importe total desta convocatoria ascende a 30.000 euros, 5.000 euros máis que o ano pasado, o que supón un incremento do 20 por cento.
O alcalde, José Tomé Roca, destacou o compromiso do Equipo de Goberno coa política social: “Apoiamos deste xeito ás familias con menor renda per cápita do municipio de Monforte que presentan dificultades económicas para afrontar o gasto que supón o inicio do curso escolar”.
Estas axudas están dirixidas ao alumnado empadroado en Monforte e escolarizado en centros públicos ou concertados do municipio, en educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria ou educación especial. Cada persoa beneficiaria recibirá un único vale co que poderá adquirir os materiais en calquera libraría do municipio ata o importe máximo asignado.
Os vales xa se poden recoller na Secretaría do centro de Servizos Sociais do Concello, situada no primeiro andar do Centro Cívico Social do Paseo do Malecón, durante un mes desde a publicación da resolución. No caso de non recoller o vale no prazo establecido, entenderase que existe unha renuncia tácita.
As contías máximas dos vales son as seguintes: 150 euros por alumno ou alumna de educación infantil, 100 euros en primaria, 120 euros en secundaria obrigatoria e 150 euros para alumnado de educación especial ou con discapacidade igual ou superior ao 65 por cento.
Unha vez adquirido o material, o vale deberá entregarse asinando a cesión do cobro á libraría, e os establecementos deberán presentar as facturas correspondentes no Rexistro Xeral do Concello antes do 31 de outubro de 2025 para proceder ao pagamento.