Máis de 200 ciclistas percorrerán a Ribeira Sacra na V edición da Cycling Road

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, organiza a quinta edición da Cycling Road, que reunirá a máis de 200 ciclistas procedentes de oito provincias españolas, as catro galegas e do norte de Portugal. O evento, co apoio de Turismo de Galicia, celebrarase o próximo domingo, 21 de setembro.
Os participantes poderán escoller entre dous percorridos: un gran fondo de 120 quilómetros con 2.800 metros de desnivel positivo, e un medio fondo de 75 quilómetros con 1.600 metros de desnivel positivo. A proba, considerada como “unha das citas imprescindibles do cicloturismo en Galicia”, ofrece aos deportistas a combinación de esixencia física con paisaxes únicas e icónicas da Ribeira Sacra, sinalou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.
Este ano, a iniciativa incorpora un xesto de solidariedade coa provincia de Ourense tras os graves incendios forestais deste verán. Por cada participante doarase unha árbore autóctona que será plantada nos municipios da Ribeira Sacra afectados, co obxectivo de contribuír á recuperación do patrimonio natural e á rexeneración dos montes da provincia. Segundo Fernández, os inscritos poderán así “colaborar coa recuperación do patrimonio natural e a rexeneración dos montes da nosa provincia”.
A saída e chegada da proba realizarase en Luíntra, no municipio de Nogueira de Ramuín. Os percorridos transcorren por estradas abertas ao tráfico de seis concellos ourensáns: Pereiro de Aguiar, Esgos, Xunqueira de Espadanedo, A Teixeira, Parada de Sil e Nogueira de Ramuín. Aínda que a proba é de carácter non competitivo, incluirá un tramo cronometrado libre para quen desexe medirse consigo mesmo.
A presentación da Cycling Road tivo lugar en San Pedro de Rocas e contou coa participación de Rosendo Fernández; representantes institucionais dos concellos polos que pasa a proba; membros da Xunta de Galicia e de Tráfico da Garda Civil; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; e o director técnico da proba, Serafín Martínez.