Máis de 1.300 persoas participaron no Desfile de Comparsas de Monforte nun dos entroidos máis exitosos da vila

RibeiraSacraXa
En total, o Concello repartiu 17.850 euros en premios aos participantes monfortinos e 3.150 euros aos de fóra
desfile-martes-de-entroido-monforte
Desfile de Entroido, Monforte
5 Mar 2025

O Concello de Monforte celebrou este martes o seu día grande do Entroido 2025 co Desfile e concurso de Comparsas e Disfraces, que contou con máis de 1.300 participantes que optaron a premios nas diferentes categorías. A eles engadíronse centos de persoas que se disfrazaron fora de concurso, e que fixeron, xunto con miles de monfortinos e visitantes que ateigaron as rúas polas que transcorreu o desfile, que este Martes de Entroido en Monforte resultara ser “todo un éxito”, segundo aseguran dende o goberno municipal.

Cabe recordar que para esta edición de 2025, o Concello incrementou en 4.000 euros os premios dos diferentes concursos convocados, alcanzándose os 25.000 euros, a axuda máis alta destinada dende o Concello. “O obxectivo foi animar á xente a que participase nos distintos concursos e actividades, contribuíndo así ó éxito do noso Entroido” salienta o alcalde, José Tomé.

Tamén remarcou o rexedor monfortino “o impulso económico que supón esta celebración capaz de reunir na cidade a un número importantísimo de persoas tanto de aquí como de fora que visitan Monforte para desfrutar dunha posta en escena divertida e colorista, na que non pode faltar a crítica e o bo humor”.

Para o concurso do Martes de Entroido o Concello estableceu dúas modalidades, unha delas para as comparsas e disfraces de Monforte de Lemos e outra para disfraces e comparsas de fóra do municipio. No primeiro caso, destináronse 17.850 euros en premios, que son 2.850 euros máis que en 2024, un 19% máis. Os participantes de fóra do Concello, este ano contaron con 3.150 euros en premios, 850 euros máis que en 2024.

Polo Concello de Monforte anotáronse, nas diversas categorías de comparsas, 15 colectivos, e nas categorías individuais de 1 a 3 compoñentes, houbo un total de 11 inscricións. De concellos de fora de Monforte, anotáronse 14 comparsas diferentes, chegados de concellos tanto da provincia de Lugo, como Sober, Sarria, O Saviñao e A Pobra do Brollón, así como de outros puntos de Galicia, como Nogueira de Ramuín, Ourense ou Ferrol.

O Desfile de comparsas e disfraces do Concello de Monforte comezou ás 17.00 horas na praza da Estación. Percorreu as rúas Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Praza Ponte Fontecha, rúa Compañía, e finalizou na explanada fronte o Colexio de Nosa Señora da Antiga, onde a concelleira de Cultura, Marina Doutón, disfrazada de ratiña presumida, deu a coñecer ós ganadores e gañadoras do concurso. A xornada concluíu coa actuación da Orquestra Suavecito.

⚙ Configurar cookies
0.47702383995056