Luz verde ambiental ao plan urbanístico básico de Chandrexa de Queixa

A Xunta de Galicia deu o visto e prace ambiental ao Plan Básico Municipal de Chandrexa de Queixa tras concluír que non provocará impactos significativos no medio ambiente. O ditame, emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, pon fin á avaliación ambiental estratéxica simplificada do documento.
O informe, elaborado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, analiza a documentación presentada polo concello e as consultas realizadas ao longo do procedemento. Aínda que o resultado é favorable, o plan deberá cumprir unha serie de condicións técnicas recollidas na resolución.
Con este paso, o concello ourensán poderá avanzar na tramitación do plan, que servirá para establecer unha ordenación urbanística básica nun municipio que carece actualmente de planeamento xeral. O documento permitirá delimitar os núcleos rurais e o solo rústico do municipio.
O informe ambiental remitirase á Dirección Xeral de Urbanismo e publicarase proximamente tanto no Diario Oficial de Galicia como no portal web da Consellería.
Os plans básicos municipais están dirixidos a concellos de menos de 5.000 habitantes sen planeamento urbanístico e teñen como finalidade facilitar unha xestión ordenada do territorio sen contemplar procesos de crecemento urbano.