Luz verde ambiental á recuperación da aldea abandonada de Valboa, en Pantón

A Xunta de Galicia deu luz verde ambiental á delimitación de solo de núcleo rural de Valboa, situada na parroquia de Vilar de Ortelle, no concello de Pantón, un paso clave para impulsar a recuperación desta aldea actualmente abandonada.
Segundo o informe ambiental estratéxico elaborado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a iniciativa non terá impactos ambientais significativos sempre que se cumpran as condicións establecidas no documento, que será publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG). O proxecto está promovido polo Concello de Pantón.
A actuación abrangue unha superficie de algo máis de 14.000 metros cadrados, á beira do canón do río Miño, na contorna do encoro dos Peares. Trátase dun ámbito no que se conservan varias vivendas tradicionais, construcións anexas como adegas ou almacéns, e antigos terreos agrícolas en socalcos, principalmente viñedos e oliveiras, todos eles nun avanzado estado de abandono.
O informe incide na necesidade de respectar a morfoloxía e a estrutura tradicional do núcleo, así como de preservar os valores patrimoniais, paisaxísticos e culturais da zona. Tamén establece criterios para garantir un abastecemento axeitado de auga, unha correcta xestión das augas residuais e a definición dunha zonificación acústica da área de actuación.
A avaliación ambiental realizouse mediante un procedemento simplificado, durante o cal a documentación do proxecto foi sometida a consulta de distintos organismos públicos e estivo dispoñible para a cidadanía a través da web da Consellería, permitindo a presentación de suxestións e observacións.
Unha vez emitido, o informe foi remitido tanto ao Concello de Pantón como á Dirección Xeral de Urbanismo, e farase público a través do DOG e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
A proposta municipal clasifica Valboa como solo de núcleo rural tradicional, diferenciando entre parcelas edificadas e non edificadas, identificando espazos de interese paisaxístico e o viario público. O obxectivo é recuperar a estrutura orixinal da aldea, limitando ao máximo as novas edificacións e corrixindo elementos que desvirtúan a súa imaxe tradicional, como determinadas cubertas metálicas ou muros alleos á tipoloxía histórica do lugar.