Lumes incontrolados

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga foto 2022
12 Sep 2022

Por Pablo Veiga

Levamos un verán este ano caracterizado polas altas temperaturas e por unha escaseza de choivas; en xullo e agosto apenas se contabilizaron un par de xornadas de auga na maior parte do territorio galego, polo que a seca xeneralizada é unha realidade, afectando incluso á propia subministración para negocios e vivendas particulares, con restricións nalgunhas vilas e cidades.

E como non, consecuencia deste tempo son os incendios. Unha vez máis, observamos que cando a climatoloxía actúa da maneira que o está a facer nos últimos dous meses, é dicir, moita calor, pouca humidade e algo de aire, créase a fórmula perfecta para que os nosos montes ardan de novo. A maioría deses incendios son provocados de forma intencionada polo home, sen saber a ciencia certa cales son as motivacións e que se espera a cambio de facer tanto mal. Pero cómpre valorar outra causa, como aconteceu a mediados de xullo no Courel e na Pobra do Brollón, que aquí en Galicia non era habitual, as treboadas secas, é dicir, produto da excesiva calor xéranse episodios de aparataxe eléctrica, pero que non derivan en choivas. Esa foi a razón, ou iso nos contaron, dos lumes nas zonas mencionadas, onde arderon máis de cento dez mil hectáreas, que ven sendo case a superficie total do municipio de Begonte, véndose na obriga de evacuar a veciños das súas propias casas ante o perigo que supuña. As imaxes e as testemuñas das persoas afectadas non deixaron dúbidas ao respecto; a pesares de que non se produciron vítimas, os danos materiais foron considerables, así como o desastre medioambiental que conlevan estes voraces incendios. E non foi soamente neses dous concellos, os cales tiveron que levar a cabo un esforzo considerable para atender os seus administrados, senón tamén noutros puntos da Ribeira Sacra ou en Valdeorras, sen esquecer os que se produciron na provincia de Pontevedra –na Chaira, ata a data fumos librando-.

E de novo escoitamos lamentos duns e doutros; se o monte non está coidado, o abandono do rural, a destrución continuada do bosque autóctono, o cambio climático, etc., etc. Logo aparece a típica, tópica e repetitiva liorta política que en raras ocasións aporta solución.

O certo é que temos un enorme problema que probablemente vaia medrando, porque veráns coma este, secos e moi calorosos, que xa se teñen producido no pasado,  habémolos ver no futuro con máis frecuencia e por riba co perigo engadido das treboadas secas. Estamos ante un auténtico desafío que afectará as nosas vidas e as das xeracións vindeiras.  Non só Galicia ten este problema, xa que unha morea de áreas na península Ibérica foron pasto de lumes incontrolados. A todos nos sonarán nomes como Bejís ou Vall d’Ebo, no Levante, xa que foron citados constantemente nos medios de comunicación.

Do acontecido aquí na nosa provincia, un queda coas afirmacións da alcaldesa do Courel, onde insta a ser coidadosos coas plantacións de piñeiros preto de zonas habitadas e incidir nunha nova ordenación do monte.

Máis clara non podía ser. De aquí en adiante xa veremos como se actúa.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17229104042053