Luís Fernández Guitián novo presidente do PP de Sober

RibeiraSacraXa
El PP de Sober eligió como presidente del partido a Luís Fernández Guitián en un congreso celebrado el viernes 28 de enero.
29 Xan 2022

Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober dende o 2011, foi elixido presidente do PP local por aclamación no congreso do partido celebrado este venres na localidade e no que a súa candidatura foi apoiada polo 100% dos afiliados. O comité local complétase con Raquel Arias, vicesecretaria de infancia, mocidade, políticas demográficas e de xénero; Domingo López Fernández, de política agroforestal e viticultura; Francisco Vázquez Pérez, de promoción do emprego, artesanía e industria; Sonia Fernández Martínez, de mobilidade e promoción turística; Carmen Pérez Pérez, de políticas sociais, maiores e sanidade; Abel López Fernández, de infraestruturas, vivenda e medio ambiente; e José Quevedo Pérez, de cultura, ensino, deportes e novas tecnoloxías.

O Partido Popular continúa a renovar os órganos de dirección a nivel local tralos conclaves autonómico e provincial. Ata Sober achegáronse o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado; a presidenta provincial, Elena Candia; o vicepresidente do PP na provincia, Francisco Conde; o secretario xeral, Javier Vázquez Nodal; o secretario de organización, Javier Vázquez Prado; o coordinador xeral, José Manuel Balseiro, encargado de conducir o congreso; alcaldes da zona e outros membros do PP.

A máxima dirixente do PP provincial felicitou ao novo presidente destacando “a súa experiencia e a súa xestión que os veciños e veciñas respaldan maioritariamente nas distintas citas coas urnas”. Sinalou tamén Candia que “é un gran reto continuar traballando para manter o extraordinario apoio dos veciños de Sober ao proxecto do Partido Popular”.

O novo presidente agradeceu o apoio da “familia do PP de Sober” á súa candidatura integrada polas persoas que conforman o goberno municipal: “somos un equipo con ilusión polo futuro e que se esforza diariamente por atención aos veciños e ao noso concello. Creo que debemos ter vocación de servizo público”, engadiu.

Fernández Guitián púxose a disposición dos afiliados e dos veciños e sinalou que “o obxectivo do noso equipo é continuar obtendo o mesmo apoio do electorado e, incluso, melloralo”. Isto supón “unha gran responsabilidade debido a que o PP consegue superar o 70% do apoio nas distintas eleccións”. Nese sentido, o popular asegurou que “temos o mellor equipo e traballaremos para conseguir grandes resultados no 2023 e contribuír a que o PP acade o goberno da Deputación porque temos o apoio da Xunta; pero a Deputación goberna para outros”.

A presidenta saínte, Raquel Arias, destacou durante a súa intervención “a capacidade de traballo, a lealdade e a xenerosidade de Luis. Síntome tremendamente orgullosa de que me teña relevado na alcaldía, agora á fronte do Partido Popular de Sober e de seguir formando parte do seu equipo tanto no equipo de goberno coma no partido. Baixo a súa dirección, traballaremos para acadar o noveno concelleiro que estamos preto de acadar”.

0.1988959312439