Lugo acolle unha exposición sobre o escultor chantadino Eduardo Rodríguez Osorio

LugoXa | RibeiraSacraXa
A mostra reúne 39 pezas entre esculturas, debuxos e un óleo, e poderá visitarse ata o 2 de novembro no marco do programa ‘Coleccionismo e museos’
exposición-escultor-chantadino-Eduardo-Rodríguez-Osorio-Pazo-San-Marcos
27 Sep 2025

A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos abre as súas portas á mostra Rodríguez Osorio, mestre escultor. A memoria e o presente, organizada con motivo do trinta aniversario do falecemento de Eduardo Rodríguez Osorio (Chantada, 1920 – Madrid, 1995).

A exposición está composta por un total de 39 obras, entre elas 33 esculturas, cinco debuxos e un óleo, que permiten redescubrir a traxectoria dun dos creadores vinculados historicamente á Deputación de Lugo, institución da que recibiu unha bolsa en 1942 para estudar na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando en Madrid.

Esta iniciativa forma parte do programa Coleccionismo e museos que o Museo Provincial de Lugo desenvolve ao longo de 2025, coa intención de amosar coleccións monográficas derivadas da produción artística de autores que, como Rodríguez Osorio, conservaron un importante legado custodiado polas súas familias.

A exposición permanecerá aberta ata o 2 de novembro e ofrece ao público a oportunidade de coñecer en profundidade a obra de Rodríguez Osorio, de estilo principalmente figurativo e realista, que tamén está representada na colección permanente do Museo Provincial.

Entre as pezas que forman parte dos seus fondos destacan bustos de figuras como Álvaro Gil Varela, Manuel Vázquez Seijas ou Manuel Castro Gil, ademais da escultura Muller sentada e da obra Galicia, que simboliza as catro provincias galegas, xunto con debuxos de estudo e composición.

⚙ Configurar cookies
0.099538803100586