Lugar de Outeiro, en Taboada, conta con novas luminarias
O presidente da deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou as actuacións financiadas pola institución provincial que permitiron dotar de alumeado aos veciños e veciñas do lugar de Outeiro, no concello de Taboada.
Para acometer estes traballos a Deputación outorgou 22.000 euros a través dun convenio de colaboración á Asociación de Veciños San Martiño das Dores, que serviron para colocar seis luminarias de tecnoloxía LED e 60W de potencia.
José Tomé mantivo un encontro con veciños e veciñas deste lugar da parroquia de Couto, xunto coa voceira socialista do Goberno e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o voceiro socialista no concello de Taboada, Roi Rigueira, entre outros membros da corporación.
Na visita, o presidente comprobou de primeira man a eficiencia destes novos elementos luminosos, cos que se consigue un importante aforro enerxético, e puxo en valor que este tipo de cooperación co tecido asociativo da provincia forma parte do “máximo compromiso que temos na Deputación por acercar e mellorar os servizos dos veciños para favorecer a súa calidade de vida e, deste xeito, contribuír a que a poboación se quede no noso rural”.
“Está claro que ninguén quere vivir nun lugar se non ten os servizos que necesita, e precisamente o que buscamos colaborando cos concellos e coas asociacións é dotar de máis e mellores prestacións ao noso rural, algo que é fundamental se queremos fixar poboación”, afirmaba Tomé. O concello foi o responsable da tramitación administrativa necesaria para levar a cabo as obras.
Máis de medio millón de euros en Taboada
A Deputación de Lugo investirá este ano en Taboada máis de 553.000 euros a través de diferentes vías de actuación. Concretamente, máis de 180.000 euros da institución provincial destináronse á rehabilitación da estrada LU-P-1809 que conecta Chantada con Antas de Ulla e outros 190.000 euros ao arranxo de camiños e accesos a diferentes núcleos e parroquias. Mediante o Plan Único de Cooperación cos concellos 2022, a Deputación achega tamén preto de 37.000 euros a Taboada para o acondicionamento dos vestiarios do campo de fútbol municipal e preto de 29.000 para a reparación da cuberta do pavillón. Outras achegas da institución provincial para o concello van destinadas ao reforzo dos deportes, o turismo ou á mellora dos servizos comunitarios.