O Folión de Carros de Chantada, unha das actividades principais das Festas Patronais
Comezan en Chantada as Festas Patronais na honra á Virxe do Carme que organiza o Concello de Chantada. Ata o 27 de agosto a vila vístese de festa e acolle variadas actuacións musicais e de lecer que traen ambiente ás rúas e xeran un importante movemento económico.
Na programación destacan como actividades centrais o Folión de Carros, que se celebra o 24 de agosto desde as 23.00 horas. A cita, Festa de Interese Turístico Galego, tamén declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no 2018, está organizada pola Asociación Amigos do Folión coa colaboración do Concello de Chantada.
Ademais destacan outras propostas xa consolidadas, o Certame de Bandas de música de Chantada que este ano chega á súa XXXIII edición ou a Festa da Empanada na xornada na que rematan as Festas Patronais de Chantada. Nestas dúas primeiras xornadas, o xoves e o venres, as propostas musicais están pensadas para atraer á mocidade.
O 22 de agosto desde as 23.00 horas actuarán na Praza de Catro Camiños, Los Fabulosos Weekend e Nàcaruh e o 23 de agosto será tempo de celebrar o Festival de DJ´s. A partir das 23.00 horas na Praza do Pavillón daranse cita artistas como Dumore, Carlos López ou Marcos Magán.
“Levamos varios anos organizando este Festival e dámoslle continuidade porque funciona moi ben. Os artistas que nos acompañarán son coñecidos neste mundo pola súa calidade con actuacións que nos farán mover ata ben entrada a noite”, destaca o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez, que convida a veciños e visitantes a desfrutar destes días de festa en Chantada.