Loia Producións leva ao Multiusos de Monforte a súa obra ‘María Visitación Consolación Amadora’

A compañía Loia Producións presenta no Edificio Multiúsos de Monforte a súa obra ‘María Visitación Consolación Amadora’, un espectáculo que forma parte do Circuíto de Teatro Profesional organizado pola Deputación de Lugo en colaboración co Concello de Monforte.
Esta proposta teatral, dirixida a un público maior de 15 anos, afonda na vida das costureiras da comarca da Ulloa, mulleres que nun entorno especialmente difícil lograron acadar unha autonomía pouco común para a época, mesmo superando economicamente a moitos homes.
A obra explora temas como o cooperativismo, a soidade, a costura como oficio e forma de arte, a memoria colectiva e a historia da industria téxtil. En contraste coa sociedade actual de consumo rápido, estas mulleres traballaban con respecto ao medio ambiente, reutilizando tecidos e remendando prendas para darlles unha segunda vida e crear beleza con recursos limitados.
A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo, e a función terá lugar esta tarde ás 20:30 horas.