Licitan o servizo de limpeza e desinfección en centros de saúde e pacs da provincia

O Consello da Xunta autorizou a licitación, por un importe de 4.643.855,35, dos servizos de limpeza, desinfección e xestión de residuos dun total de 42 centros de atención primaria da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
O contrato terá unha duración inicial de dous anos e prevese unha posible prórroga por 24 meses máis. Neste caso, o valor estimado do contrato ascenderá ata os 9.210.952,78 euros.
O expediente inclúe a limpeza dos centros de saúde de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Ourol, San Cibrao da Viñas, O Valadouro, Xove, Abadín, Baralla, O Incio, Láncara, Fingoi (Lugo), García Portela (Lugo), Illas Canarias (Lugo), Centro Integral de Saúde de Lugo, Praza Ferrol (Lugo), Sagrado Corazón (Lugo), San Roque (Lugo), Monterroso, Navia de Suarna, A Pastoriza, A Pontenova, Rábade, Riotorto, centro de saúde da Barrela, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober.
Ademais, tamén prevé as tarefas de desinfección e xestión de residuos dos puntos de atención continuada de Mondoñedo, Ribadeo, A Fonsagrada, Viveiro, Guitiriz, Vilalba, Meira, Sarria, Chantada e Quiroga.
A superficie total destes centros sanitarios é de 46.610 metros cadrados, ademais de contar con preto de 11.000 metros cadrados de vidro. O contrato tamén inclúe a limpeza de paredes, linóleos e o mobiliario destas infraestruturas sanitarias.
O servizo integral de limpeza é unha das medidas máis eficientes á hora de romper e eliminar todas aquelas cadeas epidemiolóxicas que xorden das infeccións, virus e bacterias.
"Así, estamos ante unha prestación imprescindible que ten como obxectivo proporcionarlles espazos limpos a usuarios e pacientes e ao persoal que traballa nos centros de atención primaria do Servizo Galego de Saúde", din desde a Xunta.