Licitadas por 206.500 euros as obras de humanización dun espazo veciñal en Chandrexa de Queixa

A Xunta de Galicia abriu a licitación por 206.500 euros para as obras de humanización dunha parcela en Celeiros, en Chandrexa de Queixa, que tamén inclúe a construción dunha edificación de uso recreativo. A actuación enmárcase no Plan Hurbe do Goberno galego e terá un prazo de execución de cinco meses. As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 2 de outubro.
A intervención permitirá habilitar un novo espazo para a veciñanza onde se poderán celebrar feiras, actividades de lecer e deporte, reunións e momentos de esparexemento para os usuarios da residencia de maiores. No proxecto, o espazo central, aberto, servirá tanto para actividades protocolarias como de zona de paso entre distintos ámbitos. Outra zona contará con céspede para actividades deportivas e de lecer, integrando a praza coa contorna, e tamén se habilitará un espazo de estancia.
Os traballos completaranse coa plantación de novas árbores, a instalación de cadeiras, un banco de faladoiro, unha mesa para xogos ou actividades manuais, así como un aparcabicis.
En canto á edificación de uso recreativo, será unha construción a dúas augas con madeira que se integrará coas edificacións existentes, permitindo actividades ao resgardo das inclemencias meteorolóxicas. Ademais, instalarase iluminación LED para favorecer o uso nocturno, e acometeranse as canalizacións de pluviais e saneamento necesarias para a urbanización. Unha varanda dará continuidade entre os diferentes espazos, enmarcando as vistas cara ao encoro.
Segundo o convenio asinado entre Xunta e Concello no marco do Plan Hurbe, o Goberno galego cofinanciará o 70% das intervencións, contratando e executando as obras, mentres que o Concello achegará o 30% restante e se encargará da recepción, mantemento e conservación das actuacións, incorporándoas ao patrimonio público municipal.
A través do Plan Hurbe, a Xunta busca “impulsar a colaboración coas entidades locais para a execución de obras e melloras de contornas urbanas, accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial”.