Licitadas as obras para a renovación dun tramo Ourense-Monforte

RibeiraSacraXa
Adif licitou o contrato de obras para a renovación de vía do tramo de ferrocarril convencional Ourense-Monforte de Lemos.
vias tren ourense monforte
9 Xul 2021

Adif licitou o contrato de obras para a renovación de vía do tramo de ferrocarril convencional Ourense-Monforte de Lemos, por un importe de 33.012.207,25 euros (IVE incluído).

O obxectivo deste investimento é optimizar a fiabilidade e competitividade deste trazado, de 46 quilómetros de lonxitude en vía única electrificada a 3 kV cc, dada a súa incorporación ao Corredor Básico da Rede Transeuropea de Transporte Atlántico.

Entre as principais actuacións que comprende este contrato figura a substitución de todo o balasto existente por balasto silíceo. A maior parte desta renovación efectuarase mediante maquinaria desguarnecedora. Naqueles puntos onde non sexa posible o seu emprego, por restricións de gálibo ou lonxitudes de vía insuficiente, efectuarase o levante de vías con retroexcavadora bivial, e posterior substitución de balasto, carrís e travesas.

Tamén se substituirán todas as travesas de formigón que non sexan polivalentes, mentres que as travesas de madeira existentes en túneles substituiranse por travesas de formigón monobloque polivalentes.

Así mesmo, renovaranse os desvíos, cambiando os aparellos de vía actuais por outros máis evolucionados, e substituirase o carril existente por carril de maiores prestacións.

Dado que os traballos que inclúe o contrato abarcarán aos elementos de vía (balasto, carril, travesas e aparellos de vía), habilitouse como base principal de provisión de materiais un punto no Porto Seco de Monforte de Lemos, ao norte da estación monfortina. Ademais, haberá unha segunda zona de provisión, con descargadero de balasto en Ourense, e outros puntos de menor tamaño ao longo do percorrido.

0.21463584899902