Licitadas as obras de mellora no colexio Virxe do Carme de Sober

RibeiraSacraXa
Licitadas as obras de mellora da eficiencia enerxética do colexio Virxe do Carme de Sober, ás que destina un orzamento de 260.400 euros.
colexio virxe do carme sober
20 Ago 2021

Xa se licitaron as obras de mellora da eficiencia enerxética do colexio Virxe do Carme de Sober, ás que destina un orzamento de 260.400 euros.

Os traballos mellorarán o illamento térmico, diminuirán o consumo en luz e calefacción e, polo tanto, reducirán os custos de mantemento e a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera. Igualmente, construirase unha rampla para mellorar a accesibilidade.

As obras enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, co fin de deseñar espazos escolares adaptados ás novas esixencias tanto de carácter académico como funcional e medioambiental.

As empresas interesadas en optar á adxudicación poden presentar as súas ofertas ata o 31 de agosto, e as obras contarán cun prazo de execución de tres meses. Consistirán na substitución das carpinterías que aínda non foron renovadas por outras de aluminio anodizado con rotura de ponte térmica, abatibles, con vidro dobre baixo emisivo e con novas persianas.

Así mesmo, cambiaranse as luminarias de tubos fluorescentes por outras tipo LED de última xeración, instalando sistemas de detección de movemento para o acendido e apagado das luces. Por último, proxéctase a substitución dos radiadores obsoletos de chapa por outros de elementos de aluminio.

Tamén se realizarán outras melloras, como a colocación de tarima flotante na zona do salón de actos, levantando dous tabiques novos con portas interiores; o acondicionamento de remates do falso teito, ou a substitución dos capialzados de madeira sobre as ventás.

Colexio Sober virxe do carme
0.16433191299438