'Libre coma os paxaros' de Teatro do Atlántico chega a Monforte de Lemos

RibeiraSacraXa
La obra "Libre coma os paxaros" tendrá lugar el jueves 10 de febrero en el Edificio Multiusos de Monforte de Lemos
atlantico teatro
8 Feb 2022

O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural de Monforte no primeiro semestre do ano 2022, contando coas medidas de seguridade necesarias ante o Covid-19 para a realización de cada unha das actividades programadas.

Deste xeito, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, este xoves 10 de febreiro ás 20.15 no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da obra para adultos Libre coma os paxaros, da compañía Teatro do Atlántico, obra de Rosalía de Castro e Xulio Lago, adaptada e dirixida por Xulio Lago e interpretada por María Barcala.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.

A venta de entradas farase dende unha hora antes da actuación e a entrada ao salón de actos realizarase media hora antes do comezo da obra. A venta de entradas será ata completar a capacidade do local seguindo a normativa sanitaria no momento da actuación. Debido a situación sanitaria solicitarase o pasaporte Covid sendo obrigatorio o uso de máscaras.

SINOPSE
A base fundamental para a elaboración da posta en escena deste espectáculo son os textos de Rosalía de Castro, engarzados con outros materiais que contextualizan e conforman unha vía pola que transitar o pensamento da autora e o seu compromiso irrenunciable diante dos acontecementos e conflitos protagonistas na sociedade do seu tempo, e que son sorprendente reflexo dos que hoxe acucian.

Unha muller toma a palabra e proclámase posuidora da súa liberdade. Declara, desafiante, non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa, nin acatar mandatos dos seus iguais.

Declara o seu amor pola literatura, a poesía e a lingua do seu país; o seu respecto e admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo; e expresa a súa solidariedade e a súa dor polas miserábeis condicións de vida que aquelas teñen que soportar.

Denuncia o espolio do patrimonio forestal; a traxedia da emigración á que se ven obrigados centos de miles de compatriotas para poder sobrevivir, eles e as súas familias, á fame e á miseria. Muller galega. Filla de nai solteira. E de pai cura. Chámase María Rosalía Rita de Castro.

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será A lúa vai encuberta da compañía Incendiaria que terá lugar o xoves 10 de marzo no Edificio Multiusos ás 20.15 horas.

0.21828293800354