Levan ao Parlamento o despido de dúas traballadoras do SAF en Chantada
A Voceira do PSdeG de Chantada, Raquel López avanzou que o Grupo Parlamentario Socialista interpelará ao Goberno de Feijóo, a través dunha pregunta, sobre o despido de dúas auxiliares de axuda a domicilio do Concello de Chantada.
Os socialistas de Chantada queren coñecer si o Goberno do PP ampara a situación na que se atopan estas dúas traballadoras, “xa que foron despedidas estando de baixa, ademais unha delas estaba de baixa por mor dun accidente laboral”, denuncian.
A Voceira Socialista advirte “estamos dun servizo fundamental para garantir o desenvolvemento das actividades básicas da vida diaria, e inmersos nun contexto de pandemia sen precedentes motivada pola covid19, por iso entendemos que é urxente investir neste tipo de recursos, e non despedir aos traballadores”, replicou.
Na iniciativa rexistrada explica que o servizo de axuda no fogar, é un piar dentro do modelo de coidados que contribúe en boa medida a dar un apoio complementario ás persoas que teñen algún tipo de discapacidade ou dependencia para o desenvolvemento das actividades básicas da vida diaria.
Así as cousas “o Concello de Chantada ten a disposición no anexo V dos pliegos de contratación a subrogación de 29 auxiliares de axuda a domicilio para dar cobertura a un servizo que forma parte do catálogo de servizos da Lei de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia”.
Luz e taquígrafos
“Por todo isto, queremos poñer luz e taquígrafos a esta situación. Primeiro privatizan o servizo do SAF estas son as verdadeiras políticas do PP no eido social, e agora vemos as súas consecuencias. Dende o PSdeG non podemos consentir que en pleno s.XXI despidan a traballadores do seu posto de traballo, cando nin sequera estaban incorporadas ao seu posto de traballo. É indignante e prepotente”, resumiu Raquel López.