Lanzan unha campaña para incentivar as compras no comercio da comarca de Quiroga

RibeiraSacraXa
A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel desenvolverá esta campaña desde o 22 ao 27 de marzo
miniatura quiroga cartel comercio
17 Mar 2021

A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel vén de poñer en marcha unha iniciativa para incentivar as compras nos comercios da comarca de Quiroga.

A campaña desenvolverase desde o día 22 ao 27 de marzo, e nela participarán un total de 22 comercios da comarca. Por calquera compra de máis de 20 euros realizada nalgún dos establecementos participantes, o cliente recibirá un vale de un euro. Eses vales poderán gastarse en calquera dos establecementos hostaleiros asociados, antes do 15 de abril.

Desde a asociación animan á cidadanía a participar nesta campaña de axuda ao comercio local, "porque só apostando polo comercio de proximidade conseguiremos saír todos xuntos desta situación" derivada da pandemia da covid.

A ASOCIACIÓN

Os comerciantes e empresarios da comarca de Quiroga apostaban o pasado ano, en pleno estado de alarma, polo comercio electrónico creando a plataforma Quiroga Comercio Online. En principio, a plataforma reunía unicamente a negocios do municipio de Quiroga pero co paso do tempo fóronse sumando tamén establecementos doutros concellos veciños, como Ribas de Sil e Folgoso do Courel.

Desa iniciativa, "e ante a necesidade de unir esforzos de empresarios e comercios" da comarca, segundo lembran, xurdiu a actual asociación de empresarios e comerciantes do Xeoparque Montañas do Courel.

quiroga cartel campaña comercio
0.19802689552307