‘La Vuelta ciclista’ chega este domingo a Monforte

Monforte de Lemos prepárase para acoller a 15ª etapa da Vuelta Ciclista a España, que pasará este domingo polo municipio, provocando diversos cortes e restricións de tráfico durante todo o fin de semana.
O Concello e a Policía Local, en coordinación coa organización da Vuelta, prepararon un dispositivo que garantirá o correcto desenvolvemento da proba e a seguridade de participantes e veciños. Durante o fin de semana aplicarase a supresión de estacionamento e cortes de tráfico progresivos en todas as rúas afectadas polo paso do pelotón e pola instalación da meta.
Desde o sábado 6 de setembro, todo o día e toda a noite, quedará prohibido aparcar nas rúas polas que pasará a carreira, incluíndo Rúa Morín, Rúa Doutor Casares ata o cruce con Rúa San Pedro, Rolda María Emilia Casas Baamonde, Rúa Chantada ata a glorieta do Hórreo, Avenida de Galicia, Rúa Celso Emilio Ferreiro e Rúa Escultor Francisco Moure. Nas rúas nas que se instalará a meta, como Rúa Sarria, Rúa Dalmiro de la Válgoma, Paseo de Lugo, Rúa Compañía e Rúa Cardenal, tampouco se poderá aparcar desde o sábado. Ademais, os estacionamentos públicos do Parque dos Condes, Rúa Sarria e Praza do Conde (Xulgados/Antiga Casa Espinosa) permanecerán pechados durante este período.
O domingo 7 de setembro, o tráfico cortarase de maneira progresiva desde a madrugada ata a finalización da carreira, prevista arredor das 17:30 horas. Isto afectará a rúas como Rúa Compañía, Rúa Escultor Francisco Moure, Dalmiro de la Válgoma, Rúa Sarria, Avenida de Galicia e Rúa Celso Emilio Ferreiro, así como a todas as vías que se conectan con elas. Durante estes cortes, os propietarios de garaxes non poderán acceder aos seus vehículos. A circulación organizarase de forma alternativa para permitir o paso de entrada e saída da cidade, e algunhas rúas, como Dalmiro de la Válgoma, terán dobre sentido temporal para facilitar o tránsito.
Unha vez pase a carreira e se retiren as instalacións da meta, poderase estacionar de novo, con excepción do último quilómetro antes da chegada, que permanecerá pechado ata que a organización retire os valados, previsto arredor das 21:00 horas. Na zona de meta, que abarca Rúa Francisco Moure ata o paso a nivel, Rúa Compañía, Paseo de Lugo e Dalmiro de la Válgoma, os vehículos poderán volver a aparcar arredor das 22:00 horas, unha vez desmontadas todas as infraestruturas do evento.
O alcalde de Monforte, José Tomé, agradece “a colaboración de todos os veciños e veciñas de Monforte, así como dos propietarios de establecementos comerciais afectados por estas medidas, cuxa adopción está motivada pola magnitude deste evento deportivo e pola gran transcendencia que terá para a nosa cidade. Son medidas que teñen como finalidade garantir a seguridade de todos os participantes e o correcto desenvolvemento da proba ciclista”.