Katy Varela lembra que o PSOE e o BNG votaron en contra da Lei de medidas extraordinarias para postos sanitarios de difícil cobertura
O Partido Popular de Monforte de Lemos esixe tanto a BNG como ao PSOE de Monforte “claridade, rigor e veracidade”.
A voceira popular en Monforte, Katy Varela, realiza esta afirmación tras coñecer como o BNG presenta ao pleno da vindeira semana unha iniciativa reclamando á Xunta medidas urxentes para a cobertura de vacantes no municipio, tanto no hospital como no centro de saúde, “unha reclamación que compartimos, como toda a sociedade”, pero “dende PSOE e BNG non din aos veciños que no pleno do 24 de outubro de 2022 do Parlamento galego votaron en contra da Lei de medidas extraordinarias para postos sanitarios de difícil cobertura”.
Segundo esta normativa, explica, o procedemento permite a contratación por concurso de méritos sen oposición para o persoal médico dos centros de saúde e hospitais comarcais que teñen dificultades para cubrir prazas vacantes pola ausencia ou insuficiencia de aspirantes na listas de contratación.
“Somos conscientes das dificultades de persoal que hai no centro de saúde e no hospital, pero tamén sabemos que dende a Xunta estase a traballar para cubrir o antes posible as baixas, así como as vacantes (son dúas no centro de saúde das que unha xa saíu a concurso e cubrirase en xaneiro e a outra sairá este ano).
Así, sostivo que lles gustaría que tanto o PSOE como BNG de Monforte "fosen valentes e reclamasen ao Goberno central que tome as medidas necesarias para solucionar este déficit de médicos e flexibilizar a normativa para a formación de médicos de familia, pero prefiren politizar este tema tan sensible no canto de levar a cabo iniciativas serias que axuden a resolver o problema”, lamentou.
Ademais, Katy Varela recorda que tanto PSOE como BNG no Concello de Monforte votaron en contra, o ano pasado en pleno, dunha iniciativa do PP para reclamar a posta en marcha medidas que axudasen a paliar a falta de persoal sanitario e facilitar a cobertura das prazas vacantes e das baixas.