Katy Varela esixe ao Concello de Monforte que o Servizo de Axuda no Fogar sexa da súa competencia

RibeiraSacraXa
Katy Varela esixe ao Concello de Monforte que o Servizo de Axuda no Fogar sexa da súa competencia nunha sesión plenaria
Katy Varela Accion social
19 Apr 2023

O PP de Monforte defenderá unha moción na próxima sesión plenaria para intentar que o Concello asuma directamente a xestión do Servizo de Axuda no Fogar, segundo indica a portavoz popular e candidata á alcaldía, Katy Varela.

Explica que “actualmente a xestión do SAF está externalizada; é a terceira vez nun ano que se licita o contrato, sempre con polémica, ou ben por non cumprir as subidas salariais requiridas polas empregadas ou por non ser suficiente o importe para as empresas e quedar deserto”.

Varela destaca que na actualidade “hai preto de 130 persoas en lista de espera para recibir o servizo, e a pasividade que mostran o alcalde, o socialista José Tomé, e o seus concelleiros diante deste feito é intolerable”.

Así, engade que "desde o Partido Popular apostamos por unha mellora na atención ás persoas e, nesa liña, no pleno deste mes solicitaremos que o Servizo de Axuda a Domicilio volva ser de xestión directa, tal e como o era no goberno de Nazario Pin, cunha concellería propia de servizos sociais, ocupada naquel momento por María Carmen Pérez Álvarez", que vai no posto nove da lista da candidatura.

Concellerías compartidas

Os populares sinalan que “a Concellería de Servizos Sociais se comparte coa de Facenda e Interior e recae na tenente alcalde Gloria Prada, que debe ademais suplir ao alcalde en múltiples ocasións ao estar este fóra moitas veces”. Varela considera que “isto é unha clara mostra do relegados que deixan os servizos sociais en Monforte, como xa sucedeu ao non acollerse á orde de axudas para ampliar o número de prazas da gardería ou non constituír a unida de atención temperá”.

Katy Varela declara: “Desde o PP consideramos que a xestión directa do SAF sen empresas polo medio é o máis adecuado para poder dar un servizo eficiente e para que as empregadas estean satisfeitas no desenvolvemento do seu traballo”.

Os populares consideran que coa xestión directa do servizo conséguese unha maior transparencia, incremento da eficacia e do control dos custos, así como garantir a accesibilidade e mellorar a calidade das prestacións. Cren igualmente, que, coa fórmula que propoñen, hai máis flexibilidade na toma de decisións, mellora a protección dos dereitos das traballadoras e resulta posible unha formación continuada das mesmas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.13544797897339