Julio Manuel Yebra-Pimentel reafirma o seu poder en Carballedo

O alcalde do municipio de Carballedo volveu ser elixido por maioría absoluta, acadando os mesmos concelleiros que hai catro anos
A sociedade da Barrela e demais parroquias que forman parte do Concello de Carballedo, votaron practicamente da mesma forma nestas eleccións municipais como o fixeron nas anteriores de 2019, polo que os resultados electorais foron idénticos, é dicir: 9 concelleiros para o Partido Popular, un concelleiro para o Partido Socialista e un escano para o Bloque Nacionalista Galego.
Así, traducido en votos, das 1.931 persoas censadas, 1.601 animáronse a participar da festa da democracia e, desas, 1.237 votaron aos populares de Julio Manuel Yebra-Pimental, quen leva ostentando o cargo de rexedor desde o ano 1983, converténdose, xunto co alcalde de Paradela, José Manuel Mato; nun dos alcaldes máis lonxevos do panorama político galego. Esta será a súa décima lexislatura.
Con respecto ao Partido Socialista, Xosé Randolfe presentouse por terceira vez á Alcaldía co ánimo de aumentar a presenza dos socialistas neste concello ao acadar un concelleiro máis.
Porén, a veciñanza deulle o mesmo afecto que lle ofreceu á candidata socialista dos comicios de 2019, Isabel González, a que a votaron 244 persoas. Este ano, Randolfe tivo menos apoio, con 163 votos, pero mantivo o seu escano.
CONCELLEIROS ELECTOS
- Julio Manuel Yebra Pimentel Blanco PP
- Sandra Fernandez Vazquez PP
- Francisco Javier Rodriguez Gonzalez PP
- Pegerto Gonzalez Vazquez PP
- Alba Perez Iglesias PP
- Maria Jose Besteiro Sanchez PP
- Ismael Gonzalez Rey PP
- Placido Manuel Novoa Gonzalez PP
- Yolanda Gonzalez Vazquez PP
- José Randolfe Vilariño PSOE
- María Asunción Gómez Neira BNG
Por último, tamén foi quen de presentarse aos comicios deste ano 2023 o partido nacionalista baixo a guía da candidata Mª Asunción Gómez Neira, quen conseguiu o apoio de 175 persoas, máis que o PSOE, polo que mantivo tamén o seu escano.
