Juan Carlos Armesto consolida a súa figura como alcalde do Saviñao

RibeiraSacraXa
Juan Carlos Armesto consolida a súa figura como alcalde do Saviñao despois das eleccións municipais celebradas o 28M
CANDIDATURA O SAVIÑAO PP
8 Xuño 2023

O Partido Popular aumenta a súa presenza no goberno local do Saviñao ao sumar 2 concelleiros que lle quita ao Partido Socialista

Das 3.135 persoas censadas no municipio, 2.555 decidiron achegarse aos colexios electorais para facer uso do seu dereito a votar.

Desas persoas, 1.618 votaron a Juan Carlos Armesto, cabeza da lista do Partido Popular, o que supón un 64,15 % dos votos en contraposición co 52,61 % que acadaran nos comicios anteriores. Isto fixo que os populares adquiriran dous concelleiros máis que en 2019.

Desta maneira, Juan Carlos Armesto poderá seguir gobernando o Concello do Saviñao outros catro anos máis e por segunda vez, desde que en 2019 o rexedor popular, Joaquín González, lle cedera o seu posto despois de servirlle como tenente alcalde desde 1991.

“Estamos satisfeitos porque era a primeira vez que, despois de catro anos de goberno, os veciños nos valoraban o traballo feito e tamén por que os veciños entenderon como acertado o labor de goberno e o valoraron positivamente”, defendeu o alcalde.

Así, tamén recoñece que “é unha gran responsabilidade porque hai que seguir traballando e volver colocar O Saviñao un paso máis adiante”, sostivo.

CONCELLEIROS ELECTOS

  • Juan Carlos Armesto Quiroga PP
  • Beatriz Rois Castro PP
  • Joaquín González González PP
  • Maria Del Carmen Expósito González PP
  • Jorge Eugenio Rodríguez Álvarez PP
  • Jose López Díaz PP
  • Sonia García Rodríguez PP
  • Miguel Teijeiro Rodríguez PP
  • Celestino Rodríguez Pombo PSOE
  • Begoña Vázquez Sánchez PSOE
  • Javier Gallardo Fernández PSOE

Pola súa parte, os socialistas, guiados por Celestino Rodríguez, non acadaron os resultados esperados ao perder os dous concelleiros que gañou o PP e que deixan o partido vermello con só tres escanos, cando no 2019 conseguiran 5. Así, baixaron dos 1.128 votos nos comicios anteriores aos 740 deste ano.

Por isto, desde a agrupación socialista anunciaron que “tralos resultados obtidos nestas eleccións, o noso candidato presenta a súa dimisión, pero seguirá formando parte do equipo como secretario xeral”, explicaron. Tamén dixeron que “traballaremos para ser unha oposición útil, forte e seguir mantendo a todos os veciños informados do que suceda”.

Por outra parte, quixeron agradecer “a quen confiou e confía en nós. Sabemos que os resultados están moi lonxe de ser os desexables e dende hoxe traballaremos para ser unha oposición útil, tal e como os saviñao e as saviñás nos colocastes; e coa idea, sempre, de obter un futuro mellor para o noso concello”, sentenciaron.

Por último, o partido nacionalista tamén se presentou aos comicios deste ano coa candidata Antía Nieves, pero non conseguiron representación no concello, xa que obtiveron 144 votos, aínda menos que nas anteriores eleccións de 2019, cando acadaran 186 apoios.

saviñao 2019 2023
0.22789788246155