José Tomé valora como un “logro histórico” para Monforte o investimento de 10 millóns para mellorar a rede de abastecemento
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, anunciou en rolda de prensa un investimento de 10 millóns de euros aprobado onte polo Consello de Ministros. Esta financiación, a cargo da Sociedade Estatal Aguas de las Cuencas de España (ACUAES), permitirá renovar por completo a rede de abastecemento de auga do municipio, eliminando as antigas tubaxes de fibrocemento.
O alcalde celebrou esta noticia como un “logro histórico” para Monforte e destacou o traballo de varios anos para conseguir este investimento: “Monforte vai ben, e aínda irá mellor. Con este investimento, é coma se nos tocase a Lotería”. Tomé agradeceu o apoio do Goberno de España, especialmente ao presidente Pedro Sánchez e a figuras clave como a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Dirección de ACUAES, o Secretario de Estado de Medio Ambiente e a exministra Teresa Ribera.
Renovación completa da rede de fibrocemento
O investimento servirá para substituír 51,7 quilómetros de tubaxes de fibrocemento que aínda quedan en Monforte, despois de descontar os 5 quilómetros da tubaxe xeral actualmente en obras entre Cornado e San Vicente. O proxecto abrangue zonas clave como:
- A baixada de San Vicente pola rúa Cerca ata Roberto Baamonde (272 metros de tubaxe de 500 mm de diámetro).
- A tubaxe xeral cara Piñeira e o polígono industrial do Reboredo, que inclúe 4,27 quilómetros cun diámetro de 300 mm e 1,06 quilómetros de 250 mm.
- A rede do núcleo urbano, cun total de 46,1 quilómetros.
En termos comparativos, esta rede equivale á distancia entre Monforte e Nadela.
Próximos pasos e prazos
O alcalde explicou que agora comeza a tramitación administrativa entre ACUAES e o Concello, que incluirá a redacción do proxecto, a súa aprobación, licitación e execución das obras. Estímase que estes traballos duren entre 4 e 6 anos, dependendo dos permisos, dos servizos afectados e das condicións climatolóxicas.
Os labores necesarios para a substitución de tubaxes inclúen:
- Instalación dunha rede provisional de auga potable.
- Demolición do pavimento e escavación de gabias.
- Retirada das tubaxes de fibrocemento, instalación das novas conducións, desinfección e conexión.
- Reposición dos pavimentos segundo o material orixinal (baldosa, formigón ou aglomerado).
O alcalde subliñou que os traballos se realizarán segundo a normativa vixente, con empresas homologadas inscritas no RERA (Rexistro de Empresas con Risco de Amianto).
Unha evolución constante desde 2016
José Tomé lembrou que desde 2016 o seu equipo de goberno multiplicou por catro o ritmo de renovación das tubaxes. Ata 2016, substituíranse só 570 metros ao ano de media, mentres que nos últimos anos acadouse unha media de 2,1 quilómetros anuais, logrando un total de 17,3 quilómetros renovados.
Finalmente, o alcalde destacou que este investimento eliminará as avarías recorrentes causadas polas antigas tubaxes, asegurando unha rede de abastecemento eficiente e moderna para toda a cidade. “Isto que parecía un soño será unha realidade grazas a este equipo de goberno”, concluíu José Tomé.