José Tomé valora a 7ª edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra como “un éxito rotundo”

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, realizou unha primeira valoración da 7ª edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra, calificándoa como “un éxito rotundo en todos os sentidos”. Esta edición confirma a consolidación do evento como unha fórmula sólida para a promoción e posta en valor dos viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, cun aumento tanto de visitantes como de vendas cada ano.
Segundo José Tomé, o festival acadou cifras superiores ás edicións anteriores, sendo a edición de 2025 “a mellor das celebradas ata a data”. Tras analizar os datos das últimas cinco edicións, dende 2019 ata 2025, practicamente se duplicou o número de tickets vendidos, o que reflicte un crecemento vertixinoso.
O alcalde destacou tamén a satisfacción expresada polos adegueiros participantes, que valoraron positivamente non só a gran afluencia de público, incluíndo visitantes fóra de Monforte, senón tamén o coñecemento e interese que mostran os asistentes polos viños e as súas características. “Ese é un aspecto que as adegas valoran altamente, xa que é unha fórmula de fidelizar o consumo”, engadiu.
Os adegueiros sinalaron ademais que o formato do festival é un éxito porque os visitantes chegan predispostos a probar novas alternativas, traen información sobre os viños e novidades, e saben valorar as recomendacións que reciben.
Pola súa parte, os stands gastronómicos tamén mostraron a súa satisfacción, destacando non só a facturación acadada, senón a boa organización do evento, considerado único en Galicia.
En relación coa organización, José Tomé resaltou “o compromiso das 30 adegas presentes e a satisfacción que me fixeron chegar pola excelente organización do conxunto do Festival”. Tamén agradeceu “ao Consello Regulador a súa colaboración e, sobre todo, á xente do mundo do viño que participa masivamente, a pesar de coincidir con datas de moito traballo para as adegas”.
Os concertos realizados durante o festival, todos eles con alta calidade musical e artística, atraeron numeroso público e contribuíron a que a xente permanecese máis tempo no entorno do Malecón e dentro do ambiente do festival.
O alcalde tamén valorou positivamente a ampliación do horario de peche, que favoreceu o desenvolvemento do evento, especialmente tendo en conta as altas temperaturas, que retrasaron os picos de venda cara á tarde-noite, diferente a outras feiras do viño na denominación.
Entre as actividades máis exitosas estiveron as catas de iniciación, que cubriron todas as prazas ofertadas incluso tras aumentar o aforo. Destacou a cata temática de Suso Soneira, que combinou a degustación con música especialmente seleccionada para a ocasión.
En canto ao esforzo organizativo e orzamentario, José Tomé informou que o concello realiza unha inversión superior a 220.000 euros, que considera unha “inversión” debido ao retorno económico, a publicidade e o coñecemento xerado do viño de Monforte e da Ribeira Sacra, que impulsa o turismo, o comercio e a hostalería na zona.
Dende o Concello aseguran que xa traballan nunha próxima edición