José Tomé será o encargado de inaugurar este venres a VII edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurará mañá, venres 4 de xullo, a sétima edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que se celebrará durante toda a fin de semana, do 4 ao 6 de xullo, no paseo do Malecón da cidade.
No acto estará acompañado por unha ampla representación institucional, así como polo pregoeiro desta edición, José Luis Iravedra, presidente da Asociación Cultural e Gastronómica “O Tizón”.
Un dos aspectos máis destacados desta sétima edición é a instalación dunha ampla zona de sombra que cubrirá todo o recinto, incluído o acceso ao Palco Inaugural, para que as persoas visitantes poidan percorrer o espazo do Malecón dun xeito máis cómodo.
Ademais, esta edición incorpora melloras nas Salas de Catas: non só se amplía o aforo de cada taller, pasando de 30 a 35 participantes, senón que tamén se delimitará o espazo mediante muros laterais, co obxectivo de facelo máis acolledor e cómodo para o público.
Outra das novidades deste ano será a implantación dos tokens, unhas fichas personalizadas como sistema de pago que substituirán os habituais selos de papel que se vendían nos stands de recepción. Estes tokens resultan máis cómodos para o público, xa que son máis difíciles de perder ou deteriorar. Tamén se engadirá retroiluminación ao pórtico de entrada ao Festival, instalado por primeira vez o ano pasado e convertido nun atractivo photocall para moitos visitantes.
“Estou convencido de que o Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte seguirá a ser un evento de referencia no sur da provincia de Lugo, pensado para un público de todas as idades, no que quen nos visite poderá descubrir e sentir Monforte e a Ribeira Sacra a través da súa paisaxe, gastronomía, tradición e, por suposto, do viño”, sinala o rexedor.